Encontros na terceira fase

Non hai peor condena hoxe en día para un político, que a chamada “condena mediática”. Estes días sofre o embate da xustiza xornalística paralela, o Ministro de Fomento José Blanco, portavoz iracundo dun goberno “en funcións” dende hai demasiado tempo.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 12/10/2011

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

A presunta implicación por parte dun elemento, cando menos sospeitoso, como é o empresario Dorribo, dun ministro do goberno do Estado, dun ex conselleiro nacionalista e dun deputado popular, fai saltar as alarmas sociais, apoiados nalgún caso en interesados media. Nun Estado no que a presunción de inocencia non existe de facto, mentres dende o entorno do poder xudicial fíltranse  sumarios declarados segredos, fai dubidar, e moito, da existencia das garantías necesarias nun estado de dereito. O episodio que agora tratamos, que forma parte dun libro con moitos máis capítulos de presuntas corruptelas, non é máis que a evidencia dunha enfermidade terminal que afecta á ética dunha sociedade acomodada.

Estou absolutamente seguro da inocencia do Ministro de Fomento neste escuro episodio, de tenor casposo e formas primitivas. O encontro co susodito empresario nunha estación de servizo en Guitiriz, non é máis que outro exemplo da España de “pandeireta” que alimentan de xeito reiterado, os próceres da patria. Ninguén minimamente avezado pode pensar que Blanco levase para o seu peto comisións por intermediar xestións con outro ministerio, mais as formas son as que poñen na “picota” tanto o seu actual estatus, como as súas posibilidades de futuro político nestas  nesta terras . A vara de medir do portavoz do goberno, con respecto a outros casos de presunta corrupción, é o que fai que o búmerang que lanzaches de forma demoledora contra o teu adversario, agora volva imparable contra ti. Xa se sabe que o sangue é moito máis espeso que a auga, mais é moito máis difícil de limpar.

Neste caso, e aínda que respecto as súas decisións, penso que son precipitadas as dimisións dos deputados Fernando Blanco, e Pablo Cobián. A pesares das dilixencias previas que puidese estar facendo -se as está facendo- o TSXG, ningún de eles está imputado, nin temos constancia sumarial, -pola súa teórica situación de secreta-, de presuntos delitos cometidos. O que non pode ser é que marquen os tempos mediático-procesuais, aqueles aos que o poder xudicial sinala co seu dedo. Porque convirán vostedes comigo, que se o futuro desta terra e os seus próceres ten que marcarse en base a animadversións adquiridas co tempo con poderosos medios de comunicación, é que no fondo o que estamos a observar, unha vez máis,  é que o sistema non funciona, e haberá que mudalo…

Ou non?

Rafael Cuiña