Por Xesús Veiga | Compostela | 13/10/2011
En menos de quince días, Novacaixagalicia e o Banco Pastor deixaron de ter os seus centros de gravidade decisionais no territorio galego.Con orixes e traxectorias distintas, ambas entidades pasaron a formar parte dese singular club de grupos empresariais deslocalizados. Xa non son –nin serán- o que algún día representaron no tecido económico galego.
Consumada a desfeita, asistimos agora ao espectáculo da disputa sobre as culpabilidades do ocorrido. Para fuxir das responsabilidades, o presidente da Xunta culpa ao Banco de España e os dirixentes do PSdG dirixen o dedo acusador ao inquilino de Montepío.Constituiría un bo divertimento se non fora porque os cadáveres de Novacaixagalicia e do Banco Pastor aínda están quentes.O inefábel MAFO tiña un plan que se resume en dúas palabras:bancarizar e concentrar.As equipas de Zapatero e de Rajoy sabíano e concordaban con eses obxectivos.E que pasou con Núñez Feijoo?Tiña a mesma información que Rajoy?Fixo algunha xestión previa na rúa Génova?Á vista dos resultados rexistrados (valoración da Caixa moi por debaixo do que tiña anunciado e absorción do Pastor polo Popular) a conclusión non admite dúbidas:a influencia política de Alberto Núñez no proceso que deu lugar a estes dez días “revolucionarios” foi practicamente nula.Ou non sabía ou non lle fixeron caso.
Poderiamos discutir, con carácter xeral, o peso real dos gobernos na xestión da grave crise económica pola que atravesa a UE.Atopariamos, certamente, situacións moi diverxentes:o papel de Merkel e de Sarkozy, por exemplo, non é comparábel co que desenvolveron Zapatero e Berlusconi.O problema é que o actual presidente da Xunta responsabilizou ao anterior goberno bipartito das decisións que tomaron naquel momento algúns grupos empresariais actuantes na Galiza.Para o dirixente do PPdG todo o negativo que ocorría na economía galega tiña uns culpábeis:Touriño e Quintana.Pero agora, trocou a vara de medir:o das Caixas e o do Pastor hai que anotalo no debe do Banco de España e na libre decisión dos accionistas da entidade bancaria privada.E mentres Cristóbal Montoro aplaudía coas orellas, o alcalde Carlos Negreira apostaba aínda mais forte e detectaba a longa man de Fernández Ordóñez na venda do Banco Pastor.
O primeiro requisito para condicionar, dende o poder político galego, a dinámica económica no interior do noso Pais é a propia asunción do autogoberno como unha ferramenta útil e necesaria para tal obxectivo.Se tal vontade non existe, a consecuencia está servida:a Xunta fica convertida nunha caricatura.E outros ocupan eses espazos de poder lamentabelmente abandonados.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting