Vencedores e vencidos

Amence en Euskadi, despois de case medio século, sen as néboas habituais que non deixaban apreciar de xeito normal, a súa fermosa paisaxe.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 21/10/2011

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Unha terra farta de conflitos, nos que tantos caeron  baixo a ditadura das armas asasinas de supostos liberadores, e tantos danos colaterais provocaron a empresarios extorsionados, cargos públicos privados de liberdade existencial, e familias baixo a angustia vital da tensión de preguntarse se ese día non sería o marcado no calendario da vida, para recibir a tan temida morte do ser que queres.

ETA di que as trompetas da apocalipse que portaban nas súas mans ensanguentadas, deixarán de tronar para sempre. A súa incuestionable derrota ante a sociedade democrática, non é máis que o recoñecemento intrínseco dunha debilidade consubstancial a situación do seu chamado “aparato político”. Ningún demócrata ten nada que agradecer a quen tanto fixo sufrir, pero ningún demócrata pode negarse agora a que en Euskadi se poidan dar os pasos necesarios para que o cancro social que supuxeron durante décadas, non vaia remitindo. Tanto o Presidente Zapatero, como o seu sucesor in pectore Mariano Rajoy, estiveron á altura que se lles supón de homes de Estado, nas súas comparecencias posteriores á declaración de cese definitivo das armas, da banda asasina. Outros, non tanto…

Se ben é certo que ETA non anunciou a súa disolución, nin a entrega das súas armas, este primeiro momento pode ser o inicio dun vieiro sen retorno á normalidade no chamado conflito vasco. Agora chega o momento da política con maiúsculas, no que os abertzales deben compartir un escenario político negado pola evidencia das súas posicións inasumibles por unha sociedade democrática plena. Na confrontación das ideas, e nas lexítimas aspiracións dun sector da sociedade vasca á autodeterminación e á independencia, teñen que confrontarse demócratas convencidos, cuxo fastío ante o sufrimento de tantos, axude a progresar ao pobo vasco. Mais tamén hai que reprochar a aqueles supostos demócratas, imbuídos polo espírito daquel libro de Shopenhauer “A arte de ter razón”, aos cales  pon nervioso que a sociedade os adiante por dereita e esquerda, mentres eles seguen como rochas deterioradas no inmobilismo antisocial.

Non podemos estar permanentemente pensando, se queremos solucións, que simplemente chove sobre mollado…

Ou non?

Rafael Cuiña