Por Xesús Veiga | Compostela | 27/10/2011
A xerarquización na importancia dispensada aos dous acontecementos estaba, pois, totalmente xustificada.Poren, o que resulta discutíbel é a dualidade amosada polos comentaristas mais relevantes da dereita mediática nos discursos valorativos sobre ambos feitos.Mentres no caso de Gadafi só prestaron atención ao que significaba histórica e politicamente a desaparición do dirixente libio sen reparar na grave transgresión que representou a execución directa polos milicianos que o capturaron, no tema de ETA fixeron exactamente o contrario:o mais importante non era o remate da actividade armada senón a carencia dun arrepentimento expreso por parte da banda.
Non se trata de facer unha equiparación –polo demais imposíbel- entre a situación histórica e actual de Libia e do Pais Vasco.O que está en discusión é a suposta coherencia da lóxica argumental practicada por eses comentaristas de garda que se presentan, habitualmente, como os máximos garantes dos valores supremos da honra e da dignidade.O pasado 20 de Outubro fixeron unha demostración práctica da dupla moral que manexan no seu particular código valorativo.Para xulgar o sucedido con Gadafi botaron man da “realpolitik” e non quixeron denunciar a aplicación da lei de Lynch en aberta contradición co que establecen as propias normas das Convencións de Xenebra.No episodio de ETA utilizaron unha regra radicalmente diferente:todo o que diga a organización armada vasca fica anulado polo grave quebranto moral que representou o uso da violencia con obxectivos políticos nos últimos 35 anos.
Se os medios utilizados na desaparición de Gadafi non mereceron un reproche ético por mor da bondade do fin buscado, no caso de ETA ocuparon todo o escenario argumental para descualificar calquera proposta práctica que trate de achegar un futuro de reconciliación para a sociedade vasca.Así escreben a historia estes defensores das “esencias patrias”.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting