Por Rafael Cuiña | Lalín | 04/11/2011
Os tempos mudaron, e agora a indiferenza social combinada co fastío da crise, fai que a chamada á mobilización electoral, pase a un plano case marxinal no subconsciente dunha cidadanía asfixiada no económico, e indolente ante propostas nas que non cren. Tanto populares como socialistas camiñan por fío perigosos, nos que saben que a vitoria electoral abre paso a un averno, no que Caronte agarda coa súa barca para dirixilos a un río de conflitos sociais, decisións non entendibles, e entelequias irrealizables. Un río no que nos próximos anos afogarán traballadores e empresarios, e dende cuxas beiras observarán especuladores impenitentes, agardando os seus cadáveres para por riba malvender os órganos vitais aproveitables.
Nun contexto como o actual, os populares deben deixar claro que a herdanza que probablemente recibirán da actual administración presuntamente socialista, non vai deixar marxe para milagres, nin capacidade para vestir “santos”. Veñen tempos nos que se dá a circunstancia que os mesmos que nos esixen apertar o cinto, tamén pretenden ao mesmo tempo que fagamos unha baixada virtual de pantalóns, e as dúas cousas ao mesmo tempo non… A situación cun paro en termos absolutos en cifras máximas, e en termos relativos igualando as maiores da nosa historia, engadido a non circulación do crédito e a unha débeda soberana nos límites do non asumible, conforman unha tormenta perfecta, na que non se ve unha saída posible que non sexa fincarse de xeonllos ante os mesmos que provocaron unha situación nunca coñecida até o de agora. A loita contra a indecencia especuladora debe bater en almas pasivas, que miran cara o horizonte sen sentir como os termes da indecencia van devorando os seus corpos.
Os grandes partidos deben facer un esforzo de humildade nunca visto, e debuxar no día seguinte á contenda electoral un estadío diferente, acordando dende a unidade por riba das ideoloxías, os trazos necesarios para que dende o hercúleo esforzo, a nosa deprimida sociedade poida ter a esperanza de saída do buraco esmagador e vergoñento no que se atopa.
Ou non?
© GC 2024 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting