Debates si, pero non así

O volume de persoas que presenciaron o debate entre Rubalcaba e Rajoy confirma que segue existindo un interese por este tipo de actos electorais.Se repasamos o número de debates televisivos rexistrado dende 1977 a conclusión resulta ben ilustrativa:os partidos maioritarios non quixeron consolidar este tipo de prácticas e, moito menos, instauralas na propia legalidade electoral.Preferiron vivir das rendas acumuladas grazas ao mito creado arredor do propio proceso de transición posfranquista e conxelaron calquera medida que representara unha mellora substancial na calidade do sistema democrático español.E así escribiron a triste historia destes anos:poucos debates nos medios públicos, marxinación reiterada das restantes forzas políticas e formatos excesivamente ríxidos que imposibilitaron un contraste atractivo de ideas e propostas.Despois de tanto tempo resulta pertinente desexar que o espectáculo televisivo do pasado luns teña sido o derradeiro exemplo desta forma de concibir as relacións entre as organizacións políticas e o corpo electoral.

Por Xesús Veiga | Compostela | 12/11/2011

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Jordi Barbeta, analista político de La Vanguardia, escribía hai poucos día un lúcido artigo –“¡Socorro, quedan 11 días!”- sobre o desenvolvemento da confrontación televisiva entre Pérez Rubalcaba e Mariano Rajoy.Non cabía agardar unha excelencia discursiva en dous políticos cuxa brillantez é inversamente proporcional aos trienios acumulados no goberno das administracións públicas.E moito menos cando un deles –o candidato do PP- non quería saír do guión que, previsibelmente, o vai levar á Moncloa:todas as desgrazas que padece actualmente o corpo social é debido á xestión deficiente do goberno Zapatero.Todo o demais carece de importancia:a cobiza dos banqueiros é unha lenda urbana; as hipotecas lixo foron unha anécdota sen maior transcendencia;a política da señora Merkel é un exemplo de compromiso social na construción do espazo común europeo.

Os silencios rexistrados no debate foron estrondosos.Das políticas promovidas polos máximos dirixentes da UE non se falou a pesar de que o candidato socialista fixo, case ao principio, unha emenda á totalidade do que defendeu como membro do goberno (pedindo un aprazamento ate o 2015 da esixencia dun déficit do 3% do PIB e un novo “Plan Marshall” para o territorio europeo).E da corrupción nin media palabra.Ben mirado, todo tiña a súa lóxica.Para qué discutir sobre os ditados de Merkel e Sarkozy se aquí houbo unha reforma da Constitución a fume de carozo para que o tándem acougara durante un certo tempo.E cómo reflexionar sobre “Gürtel” sen entrar en “Campeón”.A conclusión non pode ser mais desalentadora:unha grave doenza do sistema democrático –a corrupción- nin orixina penalización entre os que a practican nin sequera merece un minuto de atención ante unha audiencia millonaria que polo menos merecía escoitar unha solemne petición de desculpas polas falcatruadas cometidas na administración dos recursos colectivos.

Xesús Veiga



Xesús Veiga Buxán

Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.