Un reto titánico

É un axioma incontestable en política, que á larga todas as máscaras caen. Digo isto, porque na data previa á xornada electoral, a necesaria reflexión debe levar ao cidadán a discernir opcións políticas cribles e que representen coherencia no discurso, das cortiñas de fume aderezadas con retórica demagóxica electoral.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 19/11/2011

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Nos tempos que corren, a cita coas urnas é unha obriga ética para unha cidadanía seriamente ameazada na súa soberanía, e polo tanto nas súas liberdades individuais e colectivas. O golpe de Estado tácito que os mercados acaban de dar tanto en Grecia como en Italia, debe ser a alarma que salte nas conciencias de todos aqueles que ven ameazado un sistema que se derruba a velocidade de vertixe, mentres os representantes elixidos pola soberanía popular, pasan a ser meras comparsas de tecnócratas en gobernos de raíz non democrática. A presión dos mercados afogando as economías dos países soberanos, é a palpable demostración de que en realidade os únicos que se comportan de xeito antisistémico, son eles. É especialmente preocupante que nunha situación na que os mercados dan por evidente a vitoria do Partido Popular, a presión sobre a nosa débeda siga á súa escalada cara o pozo do rescate financeiro, evidenciando que no fondo o que a democracia dite o domingo é insubstancial para o capitalismo financeiro. Atopámonos pois nunha “tormenta perfecta” na que a democracia é un concepto marxinal para os mercados, e na que os que teñen que tomar decisións, non son quen de facerlles fronte. Esta xeración de políticos, educados na bonanza das contas que non souberon equilibrar, prefire as leas entre eles, antes que os grandes acordos de Estado, como na época da Transición, na que o interese xeral do país, prevalecía sobre a inmundicia da mal entendida dialéctica política.

O domingo os cidadán acudirán a votar a modo de riadas de lava que foxen do volcán da crise que os expulsa das súas entrañas. A desesperanza nos rostros, non é máis que o mapa da vergoña allea dos que pagan o que non provocaron. Sexa cal sexa o resultado, non haberá nada que celebrar e si moito no que traballar. Porque o problema dos que celebran as vitorias dende balcóns partidarios, e que o día seguinte pola mañanciña, vanse atopar de bruzos coa durísima realidade… e a esa si que xa non a van poder enganar, porque as máscaras ao final do baile, sempre caen.

Ou non?

Rafael Cuiña