Por Rafael Cuiña | Lalín | 22/11/2011
Afirmaba Orwel que o xeito máis rápido de finalizar unha guerra, é perdela. Iso foi un factor determinante no campo de batalla electoral destas eleccións xerais. Mentres o partido socialista saíu derrotado dende o primeiro momento da contenda, os populares agardaban nas súas cómodas trincheiras a que o frío estepario do inverno impregnado pola crise, rematara cun inimigo cos signos vitais descendendo. Nin Mariano Rajoy é Churchil, nin Rubalcaba era precisamente Olof Palme, mais os canóns do desencanto do pobo que sofre, decidiron apuntar directamente ao contendente que marcou as regras do xogo nestes últimos anos, e que levaron a tantos á situación de coidados intensivos sociais.
A incontestable vitoria do partido popular abre unha nova fase na que o poder municipal, autonómico e estatal está baixo unhas siglas, que en tempos atoparon o vieiro necesario para sacarnos da crise de finais dos anos 90, mais o dobre fío da daga do poder, fai que o que por un lado é unha satisfacción polo apoio popular recibido, poida tornarse en desafección xeneralizada se as promesas inconclusas afectan ás liñas de vida dos seus apoios. O partido socialista pola súa banda, ou ben inicia un proceso de seria reflexión e refundación no que a súa “O” de obreiro deixe de ser un cualificativo antagónico ás súas políticas, ou ben seguirá no proceso de decadencia que a súa falla de alternativas á crise fixo empezar, e unha necesaria autocrítica pode potenciar. Se queren seguir pensando que os resultados do domingo non son extrapolables a unha próxima contenda autonómica, o erro pode ser devastador para unha formación que debe ser sempre alternativa crible de goberno, e iso só se fai mudando políticas non recoñecibles polos teus votantes, e rostros afastado de transmitir o necesario liderado.
Mentres o BNG vive no bucle permanente de pensar que camiñan pola autoestrada polo carril correcto, mentres todos os vehículos veñen de fronte. Galicia necesita unha forza nacionalista que mire por ela, mais se non recoñece o anacrónico do seu discurso actual, seguirá nunha marxinalidade autodestrutiva que fagocitará o que un día ía camiño de ser.
Ou non?
© GC 2024 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting