Por Rafael Cuiña | Lalín | 01/12/2011
A morte de indixentes, nas rúas de A Coruña debido ás hipotermias provocadas pola climatoloxía, son unha cicatriz na faciana dunha sociedade, fascinada polo irrelevante e despreocupada ante a vergoña do despropósito social.
Silencios ante as traxedias sociais, e silencios ante as medidas que pensa tomar o próximo goberno do Estado. Durante a campaña electoral, os xornalistas que seguían a caravana do candidato á presidencia do goberno dos populares, manifestaban a súa sorpresa ante a ausencia de roldas de prensa por parte de Mariano Rajoy. Tanto o lineal do discurso no debate televisado ante o candidato socialista, como a información a pingas transmitida polo equipo de campaña de Rajoy, sementaban unha alarma ante a posibilidade que eses silencios, escondesen o “holocausto” en materia de recortes sociais, tan temido nos tempos que máis se precisan. Unha vez manifestada a vontade popular de cambio, por parte dunha non ilusionada poboación, o presidente in pectore traballa no seu castelo de vidro da rúa Xénova na capital do Estado, no que o foso que o separa da realidade está cheo de preguntas, temores e porque non dicilo, tamén de esperanzas. É moi criticada nestes días a ausencia de declaracións por parte do pontevedrés, mais saber medir ben os tempos en política sempre foi máis unha virtude, agás cando esa medición o que oculta é a ausencia de solucións.
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting