Por Rafael Cuiña | Lalín | 09/12/2011
Claro que, o peor de determinados entes, é que están conformados por persoas de maior ou menor valía, que na maior parte dos casos antepoñen os egos, ao interese xeral das organizacións. Tanto o PSdeG como o BNG, viven tempos convulsos derivados de fracasos electorais decididos pola soberana vontade do pobo galego. Neses convulsos escenarios, xurde sempre a voracidade destrutora de aqueles, que como nalgún conto de Dickens, ven a podremia como unha oportunidade de medrar a costa de diseccionar corpos mutilados na contenda electoral. É san que as aperturas de hostilidades, contribúan a reforzar ás organizacións políticas cando estas moran en limbos autodestrutivos, e son dependentes de “caudillos” cuxa mentalidade derradeira é a de chegado o caso “morrer matando”.
Tanto Pachi Vázquez, como o seu secretario de organización Pablo García, acusan o embate de militantes críticos coa súa xestión, mantendo a postura reducionista de afirmar que tras a crítica, so poden existir persoas co simple obxectivo de ter o que eles chaman “un minuto de gloria”. O inxusto de tal afirmación reflicte o temor do derrotado ante novas achegas de sectores críticos, absolutamente lexitimadas para aspirar a dar outro rumbo á súa organización. O preocupante sería a pasividade ante o funcionamento dunha maquinaria que rincha, porque ao mellor o encargado de manexala non lle sabe facer a necesaria posta a punto. No BNG, esa situación multiplícase exponencialmente cando o problema vén de odios persoais alimentados despois de lustros dunha organización subxugada ás decisións dunha UPG que semella sentirse ameazada con cada intento de evolución, e disposta a executar politicamente a quen sexa, con tal de manter a propiedade dunha ruína pouco sustentable.
Mais o intelixente é prever que estes escenarios se poden dar no futuro, porque na “sabana” política sempre poden existir “exemplares” agochados mentres o actual “rei da selva” devora o festín electoral. Porque non só en escenarios de derrota un debe estar atento, xa que tamén nas vitorias existen disidentes, ás veces en forma de presidenta de comunidade madrileña, ás que sobran “granados” por apoiar ao “rei actual da manada”…
Iso si, mentres os que queren disparar non se dean conta que en realidade a quen apunta a escopeta é a eles mesmos, o “rei da manada” seguirá alterando o seu propio ecosistema, segundo lle veña en gana…
© GC 2024 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting