De fanáticos e radicais

É sempre curioso observar, como son acusados de provocar tormentas innecesarias, aqueles que só defenden o propio, dende posturas máis ou menos discutibles. A lexitimidade na defensa da lingua propia de Galicia, non debera estar máis que en mans de todos aqueles que teñan un mínimo respecto por unha cultura ancestral, cansa xa de que os que a atacan, consideren que como os “panzer” xermanos, poden atravesar calquera terreo enlamado con tal de conseguir os seus maquiavélicos fins.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 16/12/2011

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

O máis lamentable é que dende institucións como o Valedor do Pobo, esa inquina habitual dos moradores da anti galeguidade, se amparen denuncias artificiais contra unha das sinais de identidade do pobo galego. A petición de retirada dun texto por parte deste organismo de teórica defensa dos intereses dos galegos, vén propiciado pola denuncia dun cidadán, ao que determinados columnistas queren vender como “anónimo”, cando en realidade non deixa de ser un destacado representante dunha forza política tan “importante” en Galicia e tan “comprometida” con ela, como UPyD. Esta forza, que recibiu o apoio da ultradereita española, en palabras do propio Ynestrillas, porque “é o máis semellante ao auténtico falanxismo” (sic), considera que o libro en cuestión debe retirarse porque non cita ao idioma castelán como cooficial na terra galega. A controversia vén cando no texto, respectado o Estatuto de Autonomía  -porque nesta terra temos Estatuto para pesar dos nostálxicos de José Antonio- se afirma que o galego é a lingua propia de Galicia, momento no que nos ceos empezan a soar as trompetas da apocalipse, e o mar roxo ábrese para que pasen os defensores de calquera afirmación decostrutiva para a nosa lingua. Claro que, no mesmo libro ao que algúns queren enviar ás fogueiras da ignorancia, dise claramente que a Constitución española establece que o castelán é a lingua oficial de España, única en 11 comunidades ademais de Ceuta e Melilla, mentres nas demais estatutariamente existe “outra” lingua oficial…

As institucións galegas non poden ter ao fronte a persoeiros contrarios nas súas accións a normas fundamentais como o Estatuto de Autonomía de Galicia, e o Parlamento galego debe velar, porque as súas decisións, aínda que sexan consensuadas, non afecten a esencia dun pobo que non ten que estar representado por sentenciadores tendenciosos de alma escura con esta terra.

Ou non?
 

Rafael Cuiña