Digo todo isto, porque nesta derradeira semana do perfectamente esquecible ano 2011, de novo os representantes públicos abren o debate sobre a necesaria reestruturación do Estado, ante o evidente da súa desproporción, e sobre todo ante a falla de funcionalidade dun sistema economicamente no asumible e socialmente moi discutible neste contexto de crise. As valentes declaracións do Presidente da Deputación de A Coruña, Diego Calvo, sobre a necesaria redución e fusión de concellos na súa provincia, non fan máis que certificar a necesidade dunha reforma, xa proposta hai anos polo actual alcalde de Lalín, ao que os seus superiores do momento cualificaban de excéntrico por propoñer unha medida á que o tempo terminou dándolle a razón. A Galicia actual de 315 concellos, non é o modelo axeitado para dar un eficaz servizo aos seus habitantes; a necesaria reordenación debe partir da superación de localismos, nalgúns casos enfermizos, que alteran o estado real das cousas.
Os servizos mancomunados entre concellos, que certamente non están funcionando ben neste momento, deben ser o paso previo para unha fusión intermunicipal que dote das necesidades básicas a áreas de poboación cuxa densidade non permite que as súas necesidades sexan atendidas coa dilixencia necesaria, e eleven o custe de xeito non asumible. A xa lendaria existencia nesta terra de políticos co “síndrome de aspenger” na súa vertente política, impide unha evolución lóxica cara a comarcalización de Galicia, favorecendo a desigualdade entre territorios pola obsesión de respectar o actual e desfasado modelo de entidades provinciais, cada vez menos axeitado á actual realidade galega.
Tanto o Presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luis Baltar, como o da de Pontevedra Rafael Louzán, coinciden -e xa é noticia- en rexeitar a necesidade das fusións entre concellos, co peregrino argumento de non provocar tensións entre eles. Eu lémbrolles dende o respecto aos dous, que ao que non están dispostos, en Grecia obrigouno a crise só en quince días… e que esa reforma tamén debe levar unha necesaria reformulación das institucións provinciais que presiden, e que cada día están máis afastadas de ser o que os cidadáns precisan.
Ou non?
Rafael Cuiña