A culpa é do mensaxeiro

Os gardiáns das esencias da esquerda nacionalista, séntense atacados polas plumas libres, que teñen a ousadía de criticar, dende a subxectiva análise política, o que acontece no bando nacionalista camiño da autolaminación, por democrática decisión dos galegos ante unha proposta política con cada vez menor apoio electoral.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 07/01/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

 O deputado do BNG Bieito Lobeira, ten a ben criticar a opinión a este respecto deste modesto columnista, nun artigo un tanto sui generis na revista “Terra e Tempo”, titulado “Quixeran domesticarnos”. O xa veterano deputado na cámara galega, non entende como algúns nos atrevemos dende columnas de prensa como esta, a facer unha análise da situación da esquerda nacionalista, sen poder estar prostituídos por intereses escuros que no fondo na súa mentalidade, só buscan a “destrución” do proxecto do BNG. Probablemente o descenso cuantitativo do BNG se deba nese tipo de mentalidades, máis ás influencias esóxenas que as realidades endóxenas, dado que os gardián das esencias non poden entender que un poida opinar libremente e sen ataduras, ao estar probablemente máis acostumado a unha prensa tipo os respectables “Granma” cubano, ou o chorado “Pravda” soviético.

 
O problema vén, cando a realidade pon a cada quen no seu sitio, e voces máis que autorizadas no nacionalismo galego como a do profesor Beiras Torrado, que se sitúa a varias galaxias de distancia, tanto en traxectoria como en capacidade intelectual, do autor de tan significado refrito de artigo, opinan de xeito semellante sobre a actualidade do BNG, coincidindo no fondo nada menos que coas evidentes críticas tanto do “Encontro Irmandiño”, como da propia “+Galiza”. Claro que ao deputado Lobeira, o que lle pide o corpo é que silenciemos unha realidade que só uns poucos poden ter a alta honra de debater internamente, porque os demais por definición somos sospeitosos de antinacionalistas, aínda que algúns sigamos proclamando contra vento e marea que Galicia é unha nación.
 
Seguramente D. Bieito aspire a ser unha especie de William Wallace, subido aos cumios dos montes escoceses proclamando unha suposta liberdade, empuñando a espada contra o opresor con forma de todo ser vivo que non pense coma el, o que pasa é que o nivel do seu discurso político dálle para pouco máis que subir ao Pedroso e entroques da espada alzar o pau dunha vasoira co que asustar aos que queiran saír do curro onde tan “bravamente” pensa que aloita. O único que consigue con esas actitudes é que unha forza tan necesaria para Galicia, semelle ser a corte de Ricardo III.
 
Ou non?

Rafael Cuiña