Sen deixarme guiar por emocións persoais que puideran viciar esta humilde exposición, Fraga representa un antes e un despois nunha terra, que sen dúbida o seu equipo e máis el entenderon coma poucos. “Galego coma ti”, foi un slogan decisivo, para que o galego tivese claro que quen pretendía rexer os destinos desta bendita terra, non era máis que un servidor público que entendía a súa idiosincrasia dende un punto de vista ás veces excesivamente persoal.
Aspirar a desenvolver a Galicia até transformala nunha especie de Baviera ibérica, era unha aspiración lexítima, aínda que a Historia a pode xulgar como desproporcionada, vista dende a perspectiva dos tempos. Os gobernos de Fraga foron apoiados masivamente polos galegos, porque entenderon que aquel home ao que todos chamaban “patrón”, era o axeitado para poñer a Galicia no mapa das realidades e dos dereitos como pobo, que tantos minusvaloraron con anterioridade.
Despois de ler estes días innumerables artigos e reportaxes máis ou menos acaídas sobre o nomeado “león de Vilalba”, dáme a sensación de que os que non o coñeceron, falan dende un prexuízo populista dunha figura cuxa dimensión chega máis aló que o xa recorrente anecdotario “fraguiano”. En contra de tanta lenda urbana de indocumentados, Fraga era un ser autoritario cando tiña que selo, e unha persoa que sabía escoitar a todos aqueles aos que os complexos de inferioridade deixaba articular verbas que aportasen ao debate, afastadas dos profesionais do seguidismo vil que algúns practicaban e seguen a practicar. Os seus adversarios sempre tentaron transmitir a imaxe dun goberno popular como se fose a corte de Ricardo III, mais gobernados por Eduardo VIII. A sabia vontade popular, sempre soubo discernir entre o que querían para Galicia, e o que outros quixeran que desexara. Evidentemente o seu pasado de destacado membro do réxime criminal de 18 de xullo, non é un episodio para gabar se non todo o contrario, mais o xusto é recoñecer que durante a súa xestión na Xunta este país modernizouse, e fuxiu de complexos identitarios e lingüísticos que agora observo. Entender a Galicia non é fácil, por iso algúns como Fraga son merecedores de marchar ao outro mundo coa bandeira desta terra cubrindo o seu corpo, e outros non tanto… Queda outro Fraga no Parlamento, que leva por diante o apelido Puy. Agardemos que este “primus inter pares” na capacidade dos membros do PPdeG, teña moito que dicir tamén no futuro desta terra.
Ou non?
Rafael Cuiña