Por Xesús Veiga | Compostela | 03/02/2012
Repasemos as cifras. Nunha organización de case 9000 persoas afiliadas decidiron participar directamente na Asemblea a metade dese censo electoral total .Rexistrouse, pois, un nivel de abstención superior ao que se ven dando nos principais comicios electorais que se celebran en Galiza (municipais, autonómicos e xerais). Un pouco mais da metade das persoas que participaron nas votación elixiron as candidaturas presentadas por APU, de tal xeito que se pode afirmar que o apoio do 25% do total da afiliación permite dispor da maioría numérica nos órganos de dirección do BNG.Obviamente, a conclusión sería semellante se as candidaturas gañadoras foran –pola mesma marxe diferencial- as promovidas, conxuntamente, por Mais Galiza e o Encontro Irmandiño.
Esta fotografía do comportamento electoral do microcosmos formado pola afiliación do BNG non cuestiona a lexitimidade dos resultados obtidos pola parte vencedora. Poren, ver o conxunto do cadro si pode facilitar unha xestión adecuada da vitoria. A democracia interna nunha organización que –como é o caso do BNG- pretende ofrecer un proxecto de transformación e rexeneración do funcionamento da sociedade galega non debería ficar reducida á contabilización dos votos exercidos nunha cita asemblearia periódica. Debería incluír a creación de canles específicas para establecer novos consensos internos en base ao patrimonio programático acumulado pola organización nacionalista nos seus trinta anos de existencia.Os relatorios aprobados o domingo non son os únicos sinais identitarios consagrados na traxectoria do nacionalismo galego moderno. Velaí un dos retos da nova dirección e, singularmente, da súa fracción maioritaria:seren capaces de promover dinámicas integradoras que neutralicen os procesos centrífugos que teñen adquirido especial relevancia nos últimos anos.
A existencia de discrepancias internas ficou constatada na XIII Asemblea do BNG.Mais iso non é unha orixinalidade desta formación política. O que pode distinguila significativamente das restantes é, precisamente, a xestión desas diverxencias.Aí reside, certamente, a proba do nove da calidade desa democracia interna tan reiteradamente invocada nos discursos e nos documentos.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting