Por Rafael Cuiña | Lalín | 11/02/2012
Estamos nun período convulso, cando non magmático, no que as sensibilidades latentes dentro das organizacións políticas galegas, pensan cal debe ser o vieiro polo que queren transcorrer no futuro. Tanto no PSdeG, como no BNG, o descontento dunha parte importante da militancia, -como a de moitos cargos institucionais-, reflexa situacións insostibles para seguir navegando nun mesmo barco, no que os buracos ameazan con afundir un percorrido conxunto de tanto tempo. Tampouco se pode confiar o actual partido do goberno no que, aínda que de xeito máis discreto, empeza a ter “fugas de auga” de alcaldes descontentos pola xestión da crise por parte da Xunta de Galicia, que ten afogadas as economías locais ante a política de recortes da administración galega.
Uns e outros están atentos ao posible xurdimento de alternativas políticas esperanzadoras para o futuro de Galicia, mais os proxectos novos, se queren ofertar un “produto consistente” á sociedade, non poden vir marcados por liderados personalistas nos que os que tentan marcar as pautas o fagan dende o rancor as súas opcións políticas anteriores. Proxectos nos que existan moitos “coroneis” e pouca “tropa”, están destinados ao fracaso, se as bases sobre as que se cimentan son o egoísmo persoal e os axustes de conta con antigos compañeiros.
Socioloxicamente, hai moreas de galegos con sensibilidade galeguista que non se senten representados por ningunha das formacións do abano parlamentar. Se a esta realidade engadimos que as liñas actuais deses partidos non converxen co que a súa militancia demanda, o resultado final desa ecuación pode ser que algúns estean dispostos a ofrecer á sociedade acubillo político consistente, dende o cal o seu compromiso por esta terra poida derivar en traballo serio e responsable, lonxe das tan manidas declaracións de intencións que inundan o espectro político dos desencantados galegos.
Así pois, as tres formacións do Parlamento galego deben reflexionar porqué tendo teóricas bases consistentes, -apuntaladas por madeiros da suposta mellor calidade, moitos prefiren escoitar aos promotores de novos fogares, -aínda en época de crise-, que seguir sostendo eses piares, ao mellor non tan sólidos…
Ou non?
© GC 2024 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting