Agardando a que anoiteza

“Quen matou e bateu no mundo como unha furia / e fuxiu polo mundo está no mundo. / Seu recordo anda fóra sobre polvo. / Sobre o polvo sonámbulo ou xa pedra”. (Profecía do Mar, Bernardino Graña).

Por Xosé Antón Jardón | Ourense | 12/06/2019

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Mercede á esa necia supremacía que lle concedemos á televisión, ou talvez por mor da parvidade natural que a miúdo enlama a nosa aparente listura, os que nos gabamos de posuír unha certa dose de progresía gozamos como merlas saltaricas, ao deixarnos embobar polo ruxerruxe de que votar a Pedro Sánchez valeu para estamparlle un moquete nos fuciños ao facherío incesante. Mais, a crúa realidade sempre tarda menos tempo da conta en devorar a inmodestia dos pareceres.
 
Uns días despois das eleccións locais, o rei emérito remitíalle unha carta ao herdeiro, a fin de facerlle crer ao respectábel público que decidira mudar a súa situación de retirado forzoso pola de xubilado voluntario. Para demostrarnos que é un home de palabra, apareceu ao día seguinte presidindo unha corrida de touros en Sevilla. Do soldo, da súa inviolabilidade e irresponsabilidade, a epístola do cazador de elefantes non puña nada de nada. Así que, se fora sospeitoso dalgunha falcatrúa, o tal só poderá ser xulgado diante da impertérrita barra dun bar, onde os decibeles da música lle impidan a un temerario denunciante escoitar a voz das súas propias palabras. 
 
E, para que aquilo que non é normal adquira aparencia de normalidade, uns días despois, o Tribunal Supremo decide elevar á categoría de xefe de Estado ao ditador que restaurou a monarquía, amais de impedirlle ao goberno lexítimo retirar os seus restos do Val dos Caídos. Todo isto acontecía, amais, o mesmo día no que a Fiscalía acusaba de golpistas aos líderes do Procès, nun xuízo onde uns que levan na fronte a chapa de Franco actúan de acusación popular, en nome da «España Una y Sacrosanta».
 
Como colofón a tanta normalidade democrática, Casado e Rivera brincan de felicidade, correndo cara a casa de Abascal para ver, pola regaña do seu telescopio, aquilo que antes lle chamaban «dereita civilizada». E aí están aos tres, formando parte dun sistema, que mesmo debería arrepiar aos máis destemidos do mapa.
 
Ah! Velaí o gran dilema que tanto atormenta ao meu tío Lisardo. Erguémonos pletóricos, pensando que unha rutilante lúa chea vai eclipsar o reino do cuarto minguante, mais a escape nos derrubamos porque, nesta España tan española, non hai día no que non anoiteza, esvaéndose a luz detrás desa cotián e teimuda monotonía, que sempre nos acaba encadeando á pretérita e insolente escuridade.

Xosé Antón Jardón



Pedro Sánchez, nun mitin en Vigo. PSOE

Antón Jardón

Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.