No ano 1976, pouco despois da morte de Franco, nacía o Consello de Forzas Políticas Galegas, promovido inicialmente polo PSG, UPG e PGSD e coa presenza posterior do MCG e do Partido Carlista de Galiza.Tratábase dunha plataforma unitaria que pretendía incidir no proceso de cambio aberto coa morte do ditador mediante a defensa dunha alternativa rupturista que abrise a porta a unha nova relación política da nación galega coas demais comunidades existentes no Estado.A vida do CPFG foi moi breve:antes de que se cumprira un ano da morte de Franco, non era quen de aturar un proceso de fortes disensións internas, nomeadamente entre UPG e PSG.Esta morte do organismo unitario orixinou unha circunstancia moi relevante:a comparecencia desunida do nacionalismo galego nas primeiras eleccións de 1977.Precisamente cando era mais necesario ofrecer unha alternativa que fose quen de sumar electoralmente as enerxías acumuladas até aquel momento, PSG e BNPG –ademais do PG- acudiron en candidaturas diferentes e obtiveron uns resultados mediocres que imposibilitaron a presenza de representantes nacionalistas nas Cortes que ían elaborar o novo marco constitucional.
O movemento centrífugo iniciado nos primeiros anos dos posfranquismo tería continuidade durante os anos 80 coa presenza de dous referentes –EG e o BNG creado no ano 1982- que disputaron a hexemonía do espazo electoral do nacionalismo de esquerda.O proceso de converxencia desenvolvido na primeira parte da década dos 90 converteu ao BNG –por primeira vez na historia- na casa común da práctica totalidade das organizacións do universo nacionalista.Ademais doutros factores concomitantes, esta unidade operativa propiciou os maiores niveis de apoio electoral rexistrado dende 1977.
Nos últimos anos e, sobre todo, despois da XIII A.N. do BNG asistimos a un novo proceso centrífugo, no que se destece en pouco tempo o que fora tecido paseniñamente con importantes esforzos.A maldición de Sísifo aparece , mais unha vez, diante do nacionalismo galego.Está condenado a repetir o de 1976 e 1977? Seguirán pensando algúns dos dirixentes que protagonizaron o pasado e o presente que a raíz dos problemas está no exterior e non no propio xeito de administrar a casa nacionalista?bCantas veces terán que tropezar para caer do cabalo?
Xesús Veiga