Consecuencias non calculadas

É certo, que nos momentos de especial dificultade, a sociedade tende a culpar aos gobernos que nese momento xestionan a situación, independentemente do tempo que leven gobernando polo mandato popular das urnas.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 02/03/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
O Partido Popular atópase cunha herdanza na xestión, que o pon contra a parede en canto a marxe de manobra, e ameazado pola pouca flexibilidade dos xa recoñecidos de facto, interventores de Bruxelas. As durísimas medidas que empezamos a ver en forma de recorte no estado do benestar, non son máis que a consecuencia da evidente irresponsabilidade dun sistema que permite que os bandoleiros do século XXI, en forma de especuladores financeiros, campen ás súas anchas. Se Bruxelas non flexibiliza o obxectivo de déficit para España, as consecuencias serán devastadoras para o concepto que temos até o día de hoxe de sociedade.
 
En Galicia, o goberno da Xunta hai tempo que actúa de xeito responsable no tocante ao control do déficit público, sendo a segunda comunidade do Estado, xunto coa madrileña, que cumpre practicamente co obxectivo marcado. A axitación social que hai na rúa, pasou xa do estadio embrionario ao de realmente preocupante, dende o momento que a ausencia de apoio ás empresas por parte da banca, engadido á espectacular baixada na carga de traballo delas, provoca un aumento dos niveis de paro que estamos a ver todos os días, socialmente insostibles. Chega o momento no que á sociedade non lle vale xa o discurso da herdanza económica de anteriores gobernos, e reclama solucións aos que elixiu para que cambiasen o vieiro cara o desastre.
Tanto Rajoy en Madrid, como Alberto Núñez Feijoo en Galicia, saben que o crédito que a sociedade outorga aos seus xestores é escaso, e a memoria ademais de non ser demasiada nestas situacións, é selectiva. O presidente galego encara un derradeiro ano de lexislatura especialmente complicado, no que o transfondo da cita electoral pode tentar establecer unha maquillaxe perniciosa sobre a realidade da situación. Se a iso engadimos a desastrosa situación interna das potenciais alternativas de goberno aos populares, de todo elo pode saír unha ecuación cuxo resultante sexa un autoengano perigoso. A  demoscopia insiste unha e outra vez no apoio social ao goberno galego do Partido Popular, mais se a situación empeora, como é previsible neste momento, as dificultades medrarán exponencialmente para poder revalidar unha maioría absoluta a día de hoxe consolidada, co agravante para o noso país de que a alternativa política nestes momentos, non é nin recoñecible.
 
Ou non?

Rafael Cuiña