Por Rafael Cuiña | Lalín | 16/03/2012
Nas touradas madrileñas hai un vello dito que asegura que “nas tardes de caraveis, decepción segura”, querendo dicir que a excesiva expectación ante o encontro no coso de primeiras figuras, soe dar como resultado moito menos do agardado. E así semella que foi a conversa entre o representante de todos os galegos, xunto co seu paisano pontevedrés, un acto en teoría máis efectista que efectivo. O anuncio da construción durante esta lexislatura do parador de Muxía, non por máis merecido, non deixa de ser fume a modo de anécdota en medio da marexada provocada pola crise. O curioso é o salto mortal dentro do mundo da política, que os nosos representantes son capaces de dar –sempre con rede- en función de se o pobo os elixe para ser goberno ou ser oposición. A obsesión pola data de conclusión das obras do AVE de conexión coa meseta, pasa a ser non prioritaria dende o momento que os “Pactos do Obradoiro” pasaron a categoría de papiro prescindible, pola imposibilidade técnica e financeira de facer fronte a unha megaconstrución ao mellor non tan necesaria para os galegos, como sí pode ser o corredor atlántico ou a finalización da autovía do Cantábrico. O propio Rajoy dará a data de finalización dos traballos, dato innecesario se existise a intención de cumprir os pactos firmados entre Xunta de Galicia e o ministerio do galego José Blanco. O que se lle esixía ao de Palas de Rei, non ten validez na era popular, mentres o desprezo socialista ao chamado “Plan Galicia”, forma parte xa dunha historia de desprezos sistemáticos do centralismo aos territorios secularmente marxinados pola súa condición de periféricos.
O naval non semella que en principio saíse con solucións á súa insostible situación, nin as rituais esixencias dun novo sistema de financiamento autonómico, cunha perspectiva de acordo claro. Agardemos pois que o que non transcendeu da reunión, achegue ao futuro de Galicia o que hoxe semella ser unha triste plasmación dos versos de Rosalía en “Negra Sombra”, aínda que ao mellor o presidente do goberno español prefira aqueles de Pablo Neruda que dicían:
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting