ELECCIÓNS.- O PSdeG 'móvese'

Comunicación - 13 Maio 2005

O PSdeG iniciou unha agresiva e chamativa publicidade a traveso de varios xornais (La Voz, El Correo, Faro de Vigo) e tamén en Internet, mesmo nas contas de hotmail, para tentar captar o voto mozo. Co lema 'Móvome, e ti? para que te moves?', chama aos galegos a "non chegar tarde". Esta campaña, a doble páxina, e con pequenos insertos noutras páxinas dos xornais, non baixa dos 2,5 millóns das antigas pesetas por medio.

ELECCIÓNS.- Máis de 20 xornalistas viaxan con Fraga

Comunicación - 12 Maio 2005

A visita de Fraga a Arxentina e Uruguay suscitou o interese da maioría dos medios de comunicación galegos. Máis de 20 xornalistas e reporteiros gráficos de ata dez medios distintos, incluido El País, desprazaronse onte a estes dous países latinoamericanos, nunha viaxe que durará máis dunha semana. Só a TVG enviou a sete persoas para cubrir a viaxe.

Follón en RNE

Comunicación - 11 Maio 2005

As diferencias entre a directora de RNE-Galicia, Celia Díaz e o director de RNE-Santiago, Valentín Tato, acabaron co cese do segundo. Detrás desta operación agochase un profundo enfrontamento persoal e político entre ambos os dous xornalistas, con distintas concepcións do socialismo.

ELECCIÓNS.- Ameaza de Folga na CRTVG

Comunicación - 11 Maio 2005

Os traballadores da CRTVG ameazan con ir a folga en periodo electoral. A convocatoria de case 70 prazas 'in extremis', coas eleccións convocadas, non sentou nada ben entre a plantilla, a maioria con contratos temporais ou a través de ETTs. Nembargantes non hai acordo entre os sindicatos; CIG e CC.OO. están a favor das movilizacións, pero UGT non o ve claro. Irán a folga pero os resultados son incertos.

ELECCIÓNS.- A enquisa de La Voz

Comunicación - 09 Maio 2005

Finalmente, o xornal La Voz de Galicia decidiu pospoñer a publicación da súa enquisa para o vindeiro fin de semana ao coñecer que o pasado domingo ían sair sondeos en El País e El Correo Gallego. Os resultados deste estudio suliñan que Fraga está ao borde da maioría absoluta.

ELECCIÓNS.- Enquisas electorais

Comunicación - 07 Maio 2005

Varios medios de comunicación publicarán mañán enquisas electorais sobre as eleccións galegas. Así, os sondeos que ofrecerán, tanto La Voz de Galicia coma El Correo Gallego, sinalan que o PPdeG podería conseguir a maioría absoluta ao estar nunha orquilla de entre 36 e 39 escaños, mentres que outro estudio realizado por El País suliña que os populares perderán a súa maioría absoluta.

53 xornalistas, 100 deparecidos e miles de represaliados

Comunicación - 03 Maio 2005

Este é o balanzo dun ano para os traballadores dos medios de comunicación. Unha profesión que hoxe conmemora o Día da Liberdade de Expresión entre os abusos das empresas e os riscos que para a propia vida pode ter contar a verdade. Hoxe mesmo celebrase un xuizo en Pontevedra contra a COPE tras a denuncia dunha ex traballadora que sufriu mobing laboral.

ELECCIÓNS.- Fraga e Touriño declinan debatir na Ser

Comunicación - 26 Abril 2005

Tanto Manuel Fraga coma Pérez Touriño declinaron hoxe participar nun debate electoral na Cadena Ser que se celebrá mañán en 'Hora 25' a partir das 22.00 horas. Quintana medirase con Núñez Feijoo e Méndez Romeu. "Nunha democracia mínimamente avanzada ninguén se pode ocultar do escrutinio e do control da opinión pública", sinalou hoxe o candidato nacionalista. Núñez Feijoo acude en calidade de candidato do PPdeG por Pontevedra, mentres que Méndez Romeu o fai como coordinador do Programa electoral do PSdeG, xa que este partido aínda non designou aos seus candidatos. Méndez Romeu irá, probablemente, como número 1 deste partido na Coruña.

ELECCIÓNS.- Na CRTVG tamén pasa o mesmo

Comunicación - 26 Abril 2005

Na CRTVG está acontecendo algo semellante. A actual dirección preveía convocar prazas fixas para despois do vran e antes de outubro, en total arredor de 70 entre a RG e a TVG.

ELECCIÓNS.- Cabreo no PSdeG coa Ser

Comunicación - 25 Abril 2005

No PSdeG están un pouco cabreados coa entrevista que Iñaki Gabilondo lle fixo hoxe ao candidato deste partido, Emilio "López" Touriño, non só pola confusión no seu apelido, senon polo trato distante que lle dispensou. Moi diferente foi a entrevista co candidato nacionalista, con que Gabilondo tivo un trato máis distendido. "Hola, Anxo", comezou a súa entrevista. No PSdeG culpan desta situación ao asesor de Quintana, un home mediático, que din que ten "moita man" con Iñaki.

O PSOE publicitase en Internet

Comunicación - 20 Abril 2005

O PSOE galego comezou a publicitarse de cara as vindeiras eleccións autonómicas. Estes días pódense escoitar cuñas na Ser e unha campaña novidosa a través de Internet, con banners en xornais dixitais como El Progreso ou Xornal, entre outros.

PSdeG e PPdeG coñecían a entrevista a Beiras

Comunicación - 18 Abril 2005

A entrevista de Beiras en El País non pasou desapercibida para ninguén. Mesmo antes de saír publicada, tanto no PSdeG como no PPdeG, xa sabían da súa carga de profundidade dende o sabado pola mañán e, mesmo, dende o venres. No BNG tardaron un pouco máis e se enteraron o sábado pola tarde. María Antonia Iglesias, a autora da entrevista, é moi amiga de Fraga, colabora asiduamente na CRTVG e coincidiu no avión con Pepe Blanco.

A guerra da publicidade

Comunicación - 15 Abril 2005

Hoxe en todos os xornais galegos aparece unha publicidade a doble páxina sufragada pola Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos no que se critican os incumplimentos do Goberno central no Plan Galicia. "¿Que avances se produciron co novo Goberno Central?... O Plan Galicia está paralizado", apunta. A sua ubicación -nas seccións de Galicia ou local dos xornais- fai que todos os galegos paguemos arredor de 2,5 millóns e 500.000 das antigas pesetas por estas publicidades. En total, arredor dos 10 millóns de pesetas.

As caídas de Fraga

Comunicación - 15 Abril 2005

O pasado luns Fraga tivo un pequeno incidente mentres participaba nun acto institucional. Ao subir a un estrado, esbarou e caiu. Este feito non tería ningunha repercusión se alí non estiveran as cámaras da TVG e da TVE. Cos primeiros o PPdeG non ten ningún problema porque xa censurou algunha imaxe deste tipo, pero cos segundos non pasa o mesmo dende que ZP gañou as eleccións. Así que 'teletouriño', como agora chaman os populares á TVE, decidiu abrir o informativo desa noite coas imaxes en cuestión.

As reflexións de Santiago Rey

Comunicación - 14 Abril 2005

Onte o editor de La Voz de Galicia conseguiu xuntar nunha mesma mesa a Rajoy, Blanco, Vázquez, a ministra Elenena Espinosa ou o secretario de Estado José Luis Méndez. Todo para escoitar o seu discurso sobre a "liberdade de prensa" nunha conferencia que abriu o Foro da Nova Economía. Volveu cargar contra o Goberno central e contra os medios que se "venden" por subvencións e axudas. Contra estas actitudes, puxo como exemplo a "independencia" do seu xornal. Falou de case todo menos das condicións laborais e os dereitos dos profesionais da información a exercer un traballo digno e sen presións mediáticas. Consultade a súa intervención aquí. Cóntannos que tras a súa conferencia mantivo unha animada conversa con Rajoy e Blanco, con Vázquez de espectador. Rajoy e Blanco tamén intercambiaron impresións sobre a actualidade política durante a velada.

O Faro acercase ó PSOE

Comunicación - 14 Abril 2005

O Faro de Vigo estase acercando ó PSOE. Tras unha conversa mantida polo Secretario de Organización deste partido, José Blanco, cos directivos do xornal, o rotativo máis importante de Pontevedra decidiu dar unha viraxe na súa política informativa. Unha boa mostra disto o podemos ver nunha entrevista publicada o pasado domingo. Outro xornal que tamén se foi acercando ao PSOE nos últimos meses foi El Progreso de Lugo, de onde é natural, precisamente, Pepe Blanco. Sen embargo, a espiña dos socialistas galegos segue sendo La Voz de Galicia, do que din que é a "voz" da Xunta e de Núñez Feijoo

A guerra das filtracións

Comunicación - 07 Abril 2005

O intercambio de dosieres e as filtaracións dos beiristas e da dirección son tal que sementan máis confusión sobre o futuro de Beiras. Os primeiros pretenden darlle a volta aos titulares e noticias sobre a "presunta soiedade" de Beiras, mentres que os segundos suliñan que, agora, o presidente do Consello Nacional está "máis só que nunca e sen apoios".

Os regalos de Cabaleiro

Comunicación - 03 Abril 2005

O secretario xeral de relacións cos medios informativos da Xunta, Alfonso Cabaleiro, é un mestre niso de facer o seu traballo. Non dubida en tratar esquisitamente ós xornalistas que cubren, habitualmente, a información do presidente galego, Manuel Fraga. Por iso, non retranquea á hora de convidalos a comer en bos restaurantes ou mesmo, de regalarlles mp3 como presentes de Nadal. O problema é que algúns destes xornalistas están un pouco "contrariados" porque Cabaleiro tan só tivo esa deferencia -a dos mp3- con algúns e non con outros.

Os Xornalistas pidenlle a Vázquez que rectifique

Comunicación - 01 Abril 2005

Tanto o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) coma o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) enviaron hoxe sendos escritos nos que critican a actitude do rexedor coruñés, Francisco Vázquez, e lle piden que se desculpe.

Os malos fumes de Corina

Comunicación - 23 Marzo 2005

Semella que á alcaldesa viguesa tamén se lle subiron os fumes á cabeza e cando lle preguntan algo molesto, responde con evasivas e tentando ridiculizar a quen fai a pregunta. Sucedeu o pasado venres nunha rolda de prensa sobre a instalación dunha Depuradora na Zona Franca. Preguntabaselle por cuarta vez se xa falara co delegado (se supón que da Zona Franca) e ela, moi pizpireta, respondeu que o delegado do Goberno estaba na Coruña e non tiñan nada que falar... Logo, ó final acercouse á xornalista en cuestión para seguir vacilando e a contestación deixouna fría...


Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.