Comunicación - 16 Marzo 2005
Un compañeiro informanos da existencia dun confidencial basco que non tiñamos enlazado. Botamoslle unha ollada é ten moi boa pinta. Consultadeo en www.izaronews.com . En breve o poremos na nosa lista de confidencias.
Comunicación - 14 Marzo 2005
Esta páxina pon a vosa disposición un Diario de Confidenciais. Nesta sección poderedes acceder aos confidencias galegos e do resto do Estado sen ter que andar buceando na rede. Pinchade aquí ou na mesma imaxe da parte superior dereita desta páxina.
Comunicación - 09 Marzo 2005
Como xa temos dito aquí en varias ocasións, a orientación xornalística dunha mesma cadea non é a mesma, sobre todo no tratamento de acontecementos locais. Pasou coa Ser Vigo durante a crise de goberno que levou a Ventura Pérez Mariño a deixar a alcaldía e está a pasar agora en Ser Pontevedra. E é que a factoría Ence negociou un paquete de publicidade que impide colarse en horario de máxima audiencia calquera outra cuña publicitaria que non fale dos beneficios que a papeleira ten para a cidade e a ría.
Comunicación - 03 Marzo 2005
A consellería de Medio Ambiente tivo que dar marcha atrás precipitadamente o pasado martes ao negar a varios medios de comunicación a existencia de placas de chapapote en Carnota. Ao comprobar que o Comisionado do Prestige, que agora depende do Goberno central, e polo tanto do PSOE, corroborou as denuncias de Adega, o gabinete de Xosé Manuel Barreiro tivo que recuncar e volver chamar aos medios para desdecirse. Xa non é a primeira vez que dende esta consellería se fan cousas semellantes e os xornalistas comezan a estar fartos dos seus dimes e diretes.
Comunicación - 27 Febreiro 2005
Hoxe constituíuse oficialmente o Sindicato de Xornalistas de Galicia cunha base de preto de 160 profesionais da comunicación de todo o país. Os seus obxectivos: conseguir un convenio marco da profesión que regule horarios, contratos, condicións laborais e prácticas. Ademais tentará controlar os contratos de autónomos e os dereitos de autor de imaxes e textos, así como regularizar a creación dos consellos de redacción.
Comunicación - 25 Febreiro 2005
Queixabanse, e moito, os poncios socialistas e nacionalistas polos manexos do ex director de Informativos de TVE, Alfedo Urdaci, e resulta que no Goberno de ZP xa hai quen o comeza a imitar e, mesmo, superar. Bo exemplo disto son os manexos da superministra Magdalena Álvarez, alias Malena, coa xestión informativa do afundimento do 'Siempre Casina'. Só permitiu a entrada no barco de Salvamento Marítimo que reflotou o barco á axencia Efe e ás cámaras de TVE, os dous medios dependentes do Goberno.
Comunicación - 25 Febreiro 2005
E a outro que lle gusta moito o control dos medios de comunicación galego é ao conselleiro de Xustiza, Xesús Palmou, quen o mércores adicouse a chamar ás axencias de información e aos xornais para puntualizar que o consenso no Parlamento pola creación da Policía Galega era froito das súas xestións. Quería ser o protagonista no día no que o seu proxecto estrela era aprobado polo Consello da Xunta. O peor de todo é que moitos medios picaron ou pasaron polo aro e así se entende que, mesmo, chegara a solapar ao propio Fraga, nas páxinas dos xornais.
Comunicación - 17 Febreiro 2005
Na súa recente viaxe a Bruxelas para evitar que Galicia perda os fondos europeos como rexión obxectivo nº1, o secretario xeral do PP, Xesús Palmou, levou con el a varios colegas da prensa, concretamente de La Voz de Galicia, de El Correo Gallego e de La Región, ademáis do fotógrafo habitual nestas viaxes da Axencia Galega de Noticias (AGN).
Comunicación - 06 Febreiro 2005
Localia TV vai camiño de conseguir o título á mellor xestión empresarial do ano. Logo de despidos masivos en Vigo, Santiago e Coruña e de "institucionalizar" o de contratar persoal en práctivas, despois de baixar o nivel do xornalismo a cotas nunca vistas e mesmo contratar por horas como nas obras da construcción, agora tócalle o turno a Ferrol. Nesta cidade acaban de despedir a seis compañeiros porque as contas non dan, con nin sin eles. Así que se vai reproducir o esquema doutros sitios; un xefazo cobrando un pastón e uns curritos que non superan case os 20 anos en prácticas cobrando o incobrable.
Comunicación - 02 Febreiro 2005
Pouco máis de 11 euros é o que custa a hora de traballo dun xornalista en Localia Vigo. Logo de sanear a emisora, con despidos masivos incluidos, os xestores desta canle -que proceden do Grupo Prisa- están contratando a xornalistas por horas. Esa é a nova política de empresa para aforrar custes. Utilizar aos traballadores dos medios en horas puntuais, sen contrato e só cando sexan necesarios.
Comunicación - 01 Febreiro 2005
Resulta curioso como a "propaganda institucional" da Xunta sobre o Plan Galicia, que tanto critican nacionalistas e socialistas, chegue tamén a medios de comunicación nada sospeitosos de ser do réxime. Este é o caso do último número do semanario A Nosa Terra que inserta toda unha páxina sobre as obras deste plan pagada pola Xunta de Galicia.
Comunicación - 29 Xaneiro 2005
O anuncio da Cámara galega de regular o uso da sinal televisiva de plenos e comisións está a causar malestar nos medios de comunicación audiovisuais, especialmente coas televisións. Os profesionais destes medios queixaronse do intento de "control" que os deputados pretenden facer das imaxes televisivas. "E se lle volve dar un desmaio a Fraga, ¿emitirán as imaxes?", preguntabase algún deles. Ao parecer o presidente do Parlamento, Xosé María García Leira, foi cuestionado ao respecto e a súa resposta foi ben significativa; "e logo, ¿para que credes que facemos isto?".
Comunicación - 28 Xaneiro 2005
Cada día é maior o descontrol da TVG, especialmente, tras o grave enfrentamento entre os dous sectores ireconciliables do PPdeG. Agora, na 'gran Casa' ninguén se quere facer responsable dos contidos dos informativos, sobre todo, polo que pode caer dende a boina ou dende o birrete, según se conte a historia. Os editores son xente moi nova, sen experiencia e que traballan baixo a batuta do director de informativos. Se sae Núñez Feijoo ten que saír Barreiro, e teñen que ir por orde; primeiro Fraga, logo o vicepresidente primeiro e, por último, o vicepresidente segundo. Se o primeiro fala menos que o segundo hai problemas e se o segundo non aparece cando o fai o primeiro, tamén.
Comunicación - 17 Xaneiro 2005
Como xa comentabamos aquí mesmo, a treboada en Onda Cero vai ser histórica. Cóntannos que agora a empresa propietaria desta canle radiofónica e de Antena 3 TV está "obrigando" aos traballadores da radio a restrinxir os seus contratos para pasalos á televisión. O grupo empresarial pretende, así, que os xornalistas perdan os dereitos laborais adquiridos tras anos de traballo.
Comunicación - 12 Xaneiro 2005
Aveviñase un gran trebón na emisora Onda 0 en Galicia, pero tamén en todas as emisoras do Estado. A causa non é outra que a ruptura de negociacións entre a empresa e os traballadores para a redacción dun novo convenio de empresa. Os empregados desta radio están dispostos a ir á folga, algo que non temen porque xa o fixeron hai uns anos gañandolle a guerra á empresa.
Comunicación - 10 Xaneiro 2005
O Director da Area de Centros Territoriais de TVE, Manuel Lombao, leva semanas investigando sobre a orixe da filtración dunha entrevista na TVE en Galicia na que Magdalena Álvarez constestaba de malos xeitos a unha pregunta sobre o Plan Galicia.
Comunicación - 09 Xaneiro 2005
Tras a posta en marcha do xornal gratuito Metro Coruña do grupo 'Metro News' e a imninente saída do diario 'Qué Vigo'e 'Qué A Coruña' o vindeiro 18 de xaneiro(ambos os dous do grupo Recoletos), comezan os movementos no panorama mediático galego. Así, o Grupo Voz negocia con outros seis xornais do Estado a creación dunha editora conxunta para a publicación dun novo xornal gratuíto, que entre outras comunidades, se distribuiría en Galicia.
Comunicación - 20 Decembro 2004
Esa "revolución" do audiovisual e "apagón tecnolóxico" que defendeu este fin de semana o director xeral da CRTVG non se axusta á realidade. De poñerse en marcha, tería antes que comezar unha campaña de "culturización" televisiva, non só na audiencia, senon tamén entre os empresarios.
Comunicación - 16 Decembro 2004
Outra vez temos que contar as desventuras dos colegas de profesión e, novamente, por inxusticias inxustificadas. Desta vez tocoulle o turno a seis compañeiros de Telecoruña que foron despedidos, sinxelamente, por ter a intención de formar parte dunha lista sindical ou por apoiala. Algo semellante tamén aconteceu hai algún tempo no Diario de Pontevedra, e noutros xornais nos que non se chegou a tanto porque bastou coa intimidación. Cada día se fai máis necesario a unidade da profesión para facer fronte a tanto atropello.
Comunicación - 10 Decembro 2004
A campaña mediática contra o actual Goberno polo "incumplimento" do Plan Galicia está "calando" na xente. Os galegos comezan a mirar con recelo a Madrid, porque, "segundo os xornais, Zapatero quere quitarlle as obras a Galicia". O PSdeG sabe ben disto, pero se ve "impotente" para remediar a situación. "Os galegos tampouco son parvos e saben ben quen minte e quen non", se limitan a respostar. Pero, no fondo, estan "fastidiados" porque son sabedores de que a batalla mediática teñena perdida de antemán.