Como será a terra que lle deixemos en herdanza aos nosos fillos e netos. Como estará gobernada e se perderá a súa persoalidade propia e a súa cultura. Vivimos tempos de incertidume e inquedanza; vivimos tempos difíciles pois os problemas que temos seguen sen ter unha resposta clara que lle dean solución a curto e medio prazo. Vivimos nunha sociedade envellecida que pasou de estar sustentada polos sectores primarios a ser, básicamente unha sociedade que vive dos servizos e na que hai unha cativa industrialización con raíces na terra.
Polo tanto na nosa sociedade, paseniñamente, desaparece o rural e os sectores industriais que a caracterizaron anos atrás están en franco retroceso. Referírome ao sector industrial que ten un bo exponente na industria naval. Igualmente ao sector pesqueiro, etc. E no seu conxunto é Galicia a que morre caladamente.
Nesta terra o nacionalismo do século XX fixo unha grande e importante labor. Colocou a Galiza na política do Estado e rematou coa Galiza chorona que non reivindicaba e que en moitos casos era motivo de mofa. Pero ese nacionalismo positivo nos seus inicios, debido a cerrazón ideolóxica e a non ser capaz de ler a realidade desta terra partindo das necesidades e carácteríscas dos galegos; debido a negarse a evolucionar, non foi capaz de implicar á gran maioría dos habitantes nun proxecto ilusionante para dar un salto e levarnos cara un progreso tan necesario.
Con esta xustificación o PNG-PG celebrou un congreso no que o 77% dos seus militantes decidirón deixar a formación frentista do BNG. Logo acordaron que, para falar e traballar pola Galiza do futuro, é necesario formar unha forza política que sexa quen de unir a todos os galegos que amen a terra e aspiren a modernizala e gobernala.
Este obxectivo faise sen condicións previas nin exclusións a priori de ninguén. Pois todos os que estamos dacordo na meta de facer a Galiza dona dos seus destinos, temos que ser xenerosos para chegar ao entendemento. Temos que ceder parte da nosa razón, pois os problemas non admiten demoras inxustificadas. Dado que, cos tempos que corren, non podemos camiñar ideoloxicamente fronte a ninguén; pero tampouco deixarnos levar polos cantos de serea dos adversarios conservadores, hoxe gobernantes, que soio ven na política galega o trampolín para acadar un posto en Madrid, sin importarlle os graves problemas que teñen as persoas que habitan neste noroeste peninsular.
Hoxe, cando os nosos mozos emigran por carecer de futuro; cando o noso agro morre; cando o noso rural é pasto do lume polo abandono e o desleixo; cando os asteleiros pechan por carecer de bolsa de pedidos ou, cando camiñamos cara ser unha poboación plenamente subsidiada, non cabe o silencio nin a resignación. Hoxe, cando o mensoprecio polos políticos está á vista, é cando hai mostrar a ética por defender o común, por resolver os problemas xerais da xente; Hoxe é cando hai que amosar integridade e compromiso coa terra.
A Galiza do futuro non pode ser un país que espere a solución dos problemas da man dun nacionalismo ensimismado e que pon por modelo un radicalismo esteril de ditaduras de países que nada representan no mundo e que viven peor que nós; Tampouco pode ser a terra que espere das forzas políticas centralistas a solución dos seus anacrónicos problemas. Polo que, a Galiza do futuro, terá que dotarse dunha gran forza política que teña como base ideolóxica e a razón da súa existencia no galeguismo, no nacionalismo e no progreso social para camiñar cara o futuro con ilusión e esperanza dentro dunha España diversa plural e descentralizada.
Manuel H. Iglesias