De ética e presupuestos

Ter os presupostos anuais aprobados, para calquera institución pública, significa poder gobernar e afrontar proxectos para mellorar a vida dos cidadáns. Iso é o que sempre se di e debera ser. Sen presupostos pouco se pode facer nun concello. Mais, se falamos de presupostos e ética na política, compre entender que é preciso manter un certo grao de coherencia co que se di e logo co que se fai.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 08/05/2020

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Pois do contrario todo o que se acometa estará baseado exclusivamente  na ambición de exercer ó poder a costa do que sexa, e iso é moi nocivo para a vida pública e tamén  para a saúde e o  futuro das institucións democráticas. E diran vostedes: que ten que ver a ética e os presupostos? Pois eu entendo que moito.

Hai uns días o noso concello  aprobou as contas deste exercicio. Máis ollando o pasado recente, tal aprobación leva tras de si un lastre ético moi pesado.   Leva unha historia  que nunca aconteceu nesta cidade. E aínda que o montante económico destes presupostos  sexa importante, pois suma todo o que  tería que investirse nos  catro  anos pasados, son uns presupostos eticamente atufados cunha  inmoralidade que arrepía.

E por qué digo isto.  Digoo pois, no anterior mandato, o goberno en minoría dos populares non foi quen de aprobar uns presupostos dado que  estivo sometido a unha chantaxe encuberta polo grupo do que hoxe  é o alcalde. A oposición natural, neste caso o PSOE,  mantendo a coherencia e a  distancia ideolóxica do seu discurso, tiña xustificado o voto negativo ás contas que presentaba quen daquela gobernaba. Pola contra o DO liderado por Jácome, debido a súa proximidade ideolóxica, podía chegar perfectamente a un acordo co PP. Mais, neste senso, entrou en xogo iso que coñecemos como ambición de poder. Logo, aplicouse aquelo de que todo vale con tal de acadar o obxectivo que non era outro que a alcadía.  E sistemáticamente fixo unha  oposición vehemente, brutal; eu diría que   insultante, deste xeito impediu  que houbera unhas contas aprobadas nos  catro anos de mandato. Nada importaba con tal de chegar á poltrona. Asi viñeron as denuncias xudiciais sen probas, o ninguneo e incluso o insulto. Todo estaba xustificado con tal de desacreditar a quen gobernaba.   Polo que a cidade resentiuse fondamente incluso no mantemento dos servizos e areas públicas e perdeu credibilidade diante outras institucións. E neses catro anos  todo foi en declive.

Pois ben, agora estamos na época Jácome e os seus amigos. E comezamos a ver que detras dese  señor non hai nada máis que ambición por controlar o poder dende a súa TV.  Ambición por aparecer como un gran alcalde que  plantexa proxectos, algúns innecesarios, e  que veremos se son realidade algún día. E mentres os xardíns, areas de recreo e paques esmorecen cheos de abandono  nun concello  que día a día  vai a menos. Empezamos a decatarnos de que  en Ourense somos un lugar atípico e un sitio moi  raro,  onde  número de asesores  esprímese ata o máximo. Ou sexa  pouco menos que hai un por cada concelleiro. Tamén sabemos que ate lle pagamos ó noso rexidor   a súa TV, pois os empregados son costeados polas  institucións  públicas. E poderíamos seguir e seguir.

Todo isto que hoxe temos na cidade das Burgas débese a ise triste pacto. Pero,  o máis insólito é que, entre os catorce votos que aprobaron os presupostos, está o voto do anterior rexidor. Si,  ise educado señor  que sempre gardou as formas, pero que foi ninguneado,  vilipendiado e machacado sen paliativos por que agora rixe uns plenos nos que fala e fala eternamente sen aportar nada positivo.

En fin, despois deste despropósito, deste pacto entre que inultaba e quen era ninguneado, a pregunta esta cantada. Onde esta a ética na política? Onde están os principios e o traballo polo  ben da cousa pública. Onde? A disciplina partidaria pra seguir no machiño imponse. E a sensación é que  case todos perderon  a ética  e a vergoña polo camiño. Mellor, antepúxose  a ambición de poder  á ética.  

O goberno xa  ten os primeiros  presupostos pero, valerán de algo para mellorar a vida dos cidadáns? Gastaránse en obras faraónicas e proxectos innecesarios para gloria do primeiro edil? Todo é posible neste Ourense que vai a menos. Por iso, cando a política  perde o sentido común e a ética, a vida pública deshumanízase  e vale de moi pouco para os cidadáns.
 

Manuel H. Iglesias



Pleno municipal de Ourense co alcalde, Gonzalo Pérez Jácome

Manuel Herminio Iglesias

Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com