Pois ben, como o asunto dos reis e máis figuras que conforman a escenografía do nacemento son pura cuestión ornamental e din que sen base histórica, desta vez escribireille unha carta a Quen Corresponda par ver se pode amañar unha serie de cuestións que nos afectan como cidadáns, deste mosaico español chamado Estado, e que é onde nos tocou vivir.
En primeiro lugar quixera plantexarlle ós nosos representantes políticos e, sobre todo os que gobernan, que aparcaran a demagoxia para falarnos con suma sinceridade dos problemas que nos atinxen naquelas cousas do común. E que implica isto? Pois implica predicar co exemplo deixando de lado ataduras ideolóxicas, para ser consecuentes co que se promete nas campañas electorais, pois prometer e logo non cumprir é equivalente a mentir. E hoxe os nosos gobernantes mentiron, e de non mudar e facer exame de conciencia, seguen mentido a diario.
En segundo lugar, que o reparto dos custes desta crise que soportamos non caia, como ven acontecendo, sobre os que menos poder adquisitivo teñen. A sociedade conformámola todos e non é de xustiza que a uns se lle incentive por defraudar e, a os que están controlados por nómina, ou están no paro, se lles recorten prestacións, dereitos, servizos básicos e soldos.
No terceiro apartado que exista xustiza. Si, unha xustiza que actúe, pois neste país os ladróns de guante branco, rouban os cartos, mentres os aforradores e humildes traballadores son saqueados con prácticas enganosas e malévolas. Lembremos as preferentes e demais pufos dos banqueiros.
Como cuarta petición, que os que nos gobernan o fagan para todos; que non soamente para a parte e para os poderosos baixo o único prisma do liberalismo sen control. Igualmente, para os que, amparados baixo a cobertura da fe e da moral relixiosa, impoñen barreiras ideolóxicas que coartan dereitos individuais e colectivos dos que son titulares todos os cidadáns.
A quinta petición refírese a que, si a sociedade a formamos as persoas con distintos recursos económicos, distintas crenzas, ideoloxías e razas, débense buscar puntos de encontro para que leis que nos afecten a todos se fagan baixo o consenso político e sempre coa idea de que sexan útiles para a sociedade no seu conxunto.
No tocante a Galicia que, que nos goberna dende Compostela, exerza como presidente desta terra, e actúe en consecuencia. Que non sexa un bedel que fai soamente o que lle mandan dende Xénova. Polo tanto, que defenda a nosa lingua, non manipule nosa televisión e outros medios de comunicación. Que defenda as nosas sinais de identidade; que goberne para a totalidade dende a base do consenso pois, para arranxar os grandes problemas que nos atinxen como sociedade, é necesaria a colaboración de todos.
Vivimos nuns tempos incertos nos que ninguén ten a solución de todos os problemas que nos afectan pois, en política, non hai verdades absolutas. Todo depende do cristal polo que se mira.
En fin, lembrando aquela carta que de nenos lle mandabamos aos reis magos, agora, despois de escoitar moitas voces na rúa, remítolle esta misiva a quen corresponda para ver si, os nosos gobernantes e políticos en xeral, recollen algo destas peticións e, durante o ano 2013 axudan algo para que remate esta crise que soamente trouxo paro, recortes nos servizos públicos, suba de impostos e moitas frustracións para todos. Xa sei que é sumamente difícil arranxar todo nun país onde, dende a súa maxestade o rei, as institucións públicas, os banqueiros, representantes dos grandes empresarios e outros barren para súa casa, deixando a cousa pública ao pairo.
En fin, como moitos cidadáns, seguirei esperando unha contestación positiva, pois aspiro a ver o futuro con máis claridade.
Manuel H. Iglesias