Entrevista co Coronavirus

Eu, como todas as cousas deste mundo, esfórzome por perseverar no meu ser. En «Ética demostrada segundo a orde xeométrica» Spinoza chamou a esta actitude «conatus». Mais nós non somos pola nosa vontade xa que carecemos dela; somos por mor da inercia da natureza, que nos impele a seguir sendo. En realidade, non queremos seguir sendo: ¡temos que seguir sendo!

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 26/05/2020

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

―Bo día, señor... desculpe, non lembro o seu nome.

―Bo día. Non se preocupe; os virus non temos nome.

―Non teñen nome? Non se chama vostede… SARS- CoV-2!?
 
―En absoluto, esa sopa alfanumérica é unha simple etiqueta que me asignou o home para tentar orientarse no noso ignoto universo.
 
―Verá, estou aquí para entrevistalo e voullo dicir sen requintos: é vostede un vil asasino de persoas inocentes.
 
―Mire, coido que vostedes, que se autodenominan humanos, non están lexitimados para atribuírme tal cualificativo: Cantos millóns de seres vivos sacrifican cada día para alimentarse? Cantos animais torturan cada ano por puro divertimento? Cantas especies fixeron desaparecer? Cantos homes se masacraron uns aos outros ao longo da súa historia?
 
Eu, como todas as cousas deste mundo, esfórzome por perseverar no meu ser. En «Ética demostrada segundo a orde xeométrica» Spinoza chamou a esta actitude «conatus». Mais nós non somos pola nosa vontade xa que carecemos dela; somos por mor da inercia da natureza, que nos impele a seguir sendo. En realidade, non queremos seguir sendo: ¡temos que seguir sendo!
 
―Vostedes non son seres vivos! Atópanse na fronteira entre a vida e a non vida dado que non poden reproducirse por si mesmos. Son parasitos intracelulares obrigados pois sen a maquinaria metabólica celular áchanse imposibilitados para sustentarse e replicarse.
 
―En efecto, unha das principais características dos seres viventes é a capacidade para reproducirse, pero a reprodución comeza por un mesmo; para o que é imprescindíbel nutrirse. Porén, os animais son organismos heterótrofos. Incapaces de sintetizar a súa propia materia orgánica a partir de materia inorgánica, están predestinados a arrebatarlle a vida a outros para vivir eles. Polo tanto, do mesmo xeito que nos ocorre a nós, tampouco os homes poden proverse de alimento e reproducirse a si mesmos e por si mesmos. Como ve, neste aspecto somos semellantes.
 
―Vostede non produce nin crea nada; tan só virións patoxénicos! Poderíame explicar cal é entón o sentido da súa existencia?
 
―Pervivir é o que pretendemos. Igual que os seres humanos e calquera ente; mesmo inerte e inerme como as montañas, os ríos ou os glaciares. Por este motivo sufrimos mutacións; é dicir, transformámonos para adaptarnos ao medio. En ocasións son espontáneas e ás veces inducidas polas circunstancias e os procesos evolutivos, os cales non están concibidos nin determinados por ningunha entidade omnisciente nin omnipotente. A evolución é autónoma e imprevisíbel; ninguén a pode iniciar, dirixir nin deter.
 
―Con todo, cando vostedes matan os seus hóspedes están a provocar tamén o seu propio fin.
 
―É certo. A destrución do hospedador é unha consecuencia non desexada da nosa acción que nos prexudica, por iso o camiño evolutivo que seguimos tende a ir en dirección contraria: procura respectar a vida das criaturas que parasitamos. Neste sentido, as mutacións que triunfan son as que posibilitan que sexamos extremadamente infectantes e escasamente letais.
 
A nosa existencia, como a de todo ser vivo, é unha dura loita. Os animais, sobre todo os mamíferos, están dotados dun sofisticado sistema inmunitario que cando detecta a nosa presenza nos aniquila sen compaixón. Temos que burlalo e lograr propagarnos dun individuo a outro; en caso contrario fenecemos e extinguímonos. E garántolle que non é sinxelo conseguilo. Non somos pulgas que dean saltos de dous metros. Tamén non posuímos músculos, nin ollos nin, por suposto, cerebro. A nosa arma é a paciencia: cazamos ás nosas vítimas á espreita. Á espreita da distracción, da desidia, do exceso de confianza…, ¡do pánico!
 
―Querería concretarme o obxectivo que perseguen facéndonos enfermar e morrer?
 
―Se consulta a obra que citei atopará unha reflexión que responde á súa inquisición. Nela afírmase que os homes padecen un grave prexuízo, cal é supoñer «que todas as cousas da natureza actúan, do mesmo xeito que eles mesmos, por razón dun fin».
 
Como organismos biolóxicos, os virus temos idéntico dereito á existencia que os seres humanos. O noso ancestral sostén é a forza vital da natureza que nos guía dende hai miles de millóns de anos; dende moitísimo antes de que os homínidos pousaran os seus pés sobre a terra. Nesta loita sen fin vencerán aqueles cuxo «conatus» sexa máis poderoso, máis perseverante. En verdade, non se trata dunha cuestión de intelixencia en sentido estrito: non é máis intelixente quen resolve os problemas máis difíciles, senón quen os prevé e os evita; non vaia ser que por moi intelixentes que nos creamos, de presentarse, non saibamos atoparlles solución.
 
―Si, si… moi interesante! Finalizo cunha última pregunta: Ten vostede pensado permanecer moito tempo entre nós?
 
―O máximo posíbel.
 
―Asegúrolle que será máis breve do que desexa!
 
―Xa se verá; xa se verá…

A TÚA ACHEGA FAI QUE GC POIDA PUBLICAR NOVAS COMA ESTA. SÓ DEPENDEMOS DE TI.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe