Polo tanto, non deben ser menosprezados porque pertezan a un grupo ou porque algún cometa un asunto delictivo. Xeneralizar co ánimo de desprestixiar é un erro que descalifica máis a quen o pon en practica que a quen se quere ningunear.
Claro que pedirlle a un cencerro que afine cando canta é moito pedir. O certo é que cando un ascende, como lle aconteceu a D. Celedonio, pasando de porco a marrau, véxase o libro de Vicente Risco o Porco de pé, todo é posibel que aconteza.
Os gobernantes debían saber, como primeiro punto do seu cometido que, ó exercer o mando nunha istitución pública, os obxectivos non son outros que os de estar ó servizo dos cidadáns. Polo tanto, o Concello non é unha empresa particular onde se goberna ó antoxo do xefe; e onde os seus mandados fan o que se lles dí sen protestar. A vida nas institucións públicas ten unha dinámica distinta; ten controis e normas que deben ser respectadas.
Un amigo de militancia de hai anos, ó preguntarlle polo que facía o alcalde da súa vila, respostoume o seguinte: O alcalde do meu concello non fai nada, pero non derrama. A resposta ten o seu aquel, pois en Ourense houbo alcaldes que fixeron moi pouco ou, se o prefiren, nada de nada. Máis tampouco derramaron nin esnaquizaron o pouco que había.
Pasaron, con máis pena que gloria, e hoxe ninguén se lembra deles. Mais o caso da nosa cidade, coa aquiescencia do mandamais que se agocha na Deputación, o que temos non fai, pero escaralla o pouco que hai feito. E enriba, ningunea menospreza e, de cando en vez, insulta. Culturetas de extrema esquerda, dixo que son ós que traballan nas asociacións culturais nos barrios e nas parroquias onde o Concello nin está nin se lle espera; onde pasan os anos nin se visita o lugar para preguntar cales son as carencias culturais e de todo tipo que hai que arranxar. Onde se traballa por defender as tradicións e a cultura que non é a estandar que pulula en moitos medios e quere afogar a nosa forma de vida, pra uniformarnos a todos como masa impersoal e maleabel.
Que tristeiro é que un alcalde diga: o que queira cultura que a pague, mentres enche o concello de liberados inútiles. A que chegamos en Ourense? A ver o alcalde de todos como insulta ós colectivos que traballan de maneira altruista sen ningunha axuda isntritucional?
Nunca, no maxín de milleiros de ourensás, se chegou a entender que gobernaría nesta cidade unha persoa similar a don Celedonio o persoeiro do libro Risco. Nunca pensamos que Ourense tería como dixo o Sr. Feijoo unha persoa letal na cadeira de mando desta cidade.
Máis que ninguén se engane: o silencio de quen se agocha baixo desculpas baratas non ten perdón. O silencio de quen move os fíos pra que isto siga apodrecendo ten nome é chámase presidente dos populares desta provincia ida a menos. En fin, xeralizar coa idea de desprextixiar e difamar, cando o fai un cargo público, afea e moito a vida de todos os ourensás. De pena.
Manuel H. Iglesias