As empresas galegas de sempre e as entidades económicas referentes da terra fóronse perdendo, ou si se quere, evaporando e pasando a máns foráneas. Fenosa a Gas Natural, o Pastor ó Banco Popular, Barreras a un grupo mexicano e agora as antigas Caixas a un banco venezolano.
Supoño que, de agora en adiante, teremos a obriga de saber, ou alomenos coñecer a algún nome importante da cultura ou persoeiros do país Bolivariano. Sabíamos de Hugo Chavez e das súas charlas circenses interminables, agora coñecemos a un iluminado como Maduro, e creo que por aquelo de deixar a política a un lado, teremos que coñecer a Antonio Lauro, famoso músico autor duns valses para guitarra moi ben construídos en base a ritmos da música tradicional venezolana.
Digo o de coñecer persoeiros do país latinoamericano pois, por moito que se diga, será dende Caracas dende onde veñan as directrices de quen manda nas entidades que antes eran galegas. Agora lembro cando, no meu pobo dicían que fulano se fora á facer as américas e marchara para Venezuela. Pois mira que trocaron as cousas, os cartos de Venezuela veñen e mercan as, noutrora, potentes Caixa Nova, Caixa Vigo, etc. fusionadas en Nova Galicia Banco. E logo os gobernantes, entre eles Feijoo, din que foi a mellor solución. Pois será, pero iso terase que demostrar co paso do tempo. Terá que demostrarse con feitos, pois as verbas levas o vento sr, presidente e de boas intencións estámoslle fartos.
Vivimos en tempos de incertidume. Por iso na terra de Rosalía, de Curros e Castelao e tantos outros ilustres galegos, pintan bastos e medra o escepticismo. E para comprobalo pregunte na rúa si esta operación e boa ou mala. Seguro que contestaránlle: DEPENDE, o que ven a ser o mesmo que veremos. E non é que sexamos desconfiados por natureza. E que estamos fartos de mentiras. Pero, con todo o acontecido, non sei por que razón intúo que o tal Banesco, ven a Galicia buscando aforro seguro e estable. Pois o país que goberna Maduro non ofrece seguridade económica e por iso, o de diversificar e buscar lugares seguros onde nunca poida haber unha nacionalización das entidades económicas. E isto pode ser o motivo fundamental de investir na nosa terra. O dos cretos para as empresas galegas iso verémolo máis adiante. O dos empregos tamén veremos como queda. E como galego, por aquelo de coñecer algo do país que compra a entidade estrela da terra de Breogán, coñecezamos algúns persoeiros, ritmos e cultura dese país. Eu propoño, por ser amante da guitarra, coñecer a música de Antonio Lauro na que destacan os valses venezolanos. E esperemos acontecementos, pois non vaia ser que, como ven sucedendo ultimamente, sempre salga o contrario do que din os gobernantes da Xunta e de Madrid, e o que agora parece inicialmente menos malo, sexa un fiasco en toda regla.
Manuel H. Iglesias