Isto que conto venme á memoria pois, cada día que vexo as declaracións do alcalde desta, quedo pensando se son trolas, manías, gañas de dar a nota, ou afán por saír nos medios de comunicación a calquera prezo. Pois Jácome cando fala non dá unha a xeito.
Vexamos: unha persoa normal cando descoñece moitas cousas da historia da súa cidade, das tradicións e aspectos da vida pública; ou non sabe como funcionan os servizos, o máis prudente é que pida consello e tente aprender e, sobor de todo, ser humilde e non ter diarrea verbal.
O caso é que milleiros de ourensás, cada día que lemos o xornal quedamos un tanto abraiados do que di o primeiro rexedor. E, o que chama a atención deste persoeiro, entre outras cousas, é a fobia que lle ten a todo o que sexa cultura e que non entre no modelo estandar que el ten no seu caletre. Modelo que ven importado e que apapanata á xente; modelo despersonalizado no que se mestura cultura con diversión e espectáculo. Desta maneira o obxectivo único da concellería a que el lle chama de Arte e Festas pasa a ser soamente unha axencia de contratación.
A súa manía persecutoria comezou na oposición lanzando ataques contra a Banda de Música, e agora non hai banda nin se lle espera. Despois veu o festival Pórtico do Paraíso. Logo seguiu coa UPO; despois o Museo municipal, e agora cos premios Cidade Ourense de poesía e o Risco de literatura. E fixóo, segundo declarou, pra aforrar cartos. Como se nestes dous premios que son coñecidos máis ala desta cidade e do Padornelo se dilapidaran fortunas, cando non pasan dun montante de seis ou sete mil euros.
E agora desbarra coa festa dos Maios facendo unha comparanza coas Fallas de Valencia. A verdade é que non sei quen é a mente privilexiada que lle dá tantas ideas ou o inspira. Non sei quen é o que lle da ises consellos pra que el logo desbarre. Pero, o máis triste, é o papel que xogan os populares neste asunto. Hai uns días, a concelleira Señora Morenza dicía: ”non sei se chorar ou rir” referíase a cando falaba o Alcalde. Mais despois de todo seguen tragando sapos día si e día tamén. Con todo, o certo é que Ourense vive un tempo de anticultura e desgoberno; vive un tempo de desprezo polo galego e pola cultura local. Sí, esa que se fai nas asociacións culturais e na periferia da cidade. Esa que lle deu nome e prestixio a esta urbe noutro tempo. Que pena desta cidade que ve como as cuestións publicas, entre elas a Cultura, non son consideradas como deberan selo dende a institución municipal. Que pena de cidade onde non hai mantemento do publico e todo sigue pechado incluíndo as termas. Que pena me dá Ourense é o nivel de desprestixio ó que está chegando por manter no goberno a un señor que non ten ética, pois todo o que predicaba levouno ó vento. E agora fai o que lle peta co amparo do Partido Popular. En fin, o meu compañeiro tiña razón: o alcalde do seu pobo non facía nada, mais tampouco derramaba. Pero en Ourense temos o Cabalo de Atila, ise que, onde pisaba non nacía nin a herba: ou sexa: temos na cidade a un alcalde que escaralla todo o que toca.
Manuel H. Iglesias