Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 18/02/2022
E non se equivocou. Claro que, o máis triste é que, quen isto afirmou, agora plégase ante o Sr. Baltar Junior e traga iste sapo. O presidente provinvcial non quere darlle á alcaldía á forza que gañou as eleccións, nin porlle fin a iste desatino. E non sabe como saír desta lea que, día a día, amosa un triste espectaculo que enmerda a vida local desta Auria.
Pero como a moción non chega e, despois de maio, xa non se pode facer, a situación seguirá empeorando e xa veremos onde nos leva. Polo que, soamente queda que os edís empezen a gorrazos contra un señor que disfruta facendo acusacións sen fundamento e expulsando ó insultado do pleno. E faino como se fora un neno que xoga co poder. Como se fora un rapaz que disfruta tentando que cale á oposición cando non está dacordo cos seus caprichos e parvadas.
12 mil e pico votos apoiaron ó grupo que naceu do conto e do insulto permamenente nos plenos e nun medio audiovisual. Sí, doce mil e pico. Denunciar e dicir que no Concello todos roubaban era a única mensaxe. E milleiros de inxénuos, e algúns dos que dicían: dale caña Gonzalo!!!, viron a un salvador que prometía o ouro e o mouro. E a democracia, ese réxime fermoso que ten moitas debilidades, quedou enmerdado neste Ourense. E agora, somos o faime rir en todo o Estado. Cantas cousas máis teñen que acontecer pra que se pare este esperpento? A democracia amparada na liberdade permítelle ós seus enemigos estar dentro co afán de desfacela e pervertila. E ten pouca capacidade pra actuar contra os individuos que non amosan cultura, nin educación e que carecen de ética e principios.
Con todo, agora que a Deputación xa está amarrada neste mandato, non atino a pensar por que os populares non teñan a valentía de facilitar unha moción que poña fora da alcaldía a quen, aproveitando o posto, insulta e agrede de palabra a un concelleiro desa corporación. E o máis triste é que segundo dixo o presidente procincial a culpa tamén é da oposición.
De todos os alcaldes habidos en democracia nesta cidade, nunca houbo un que traspasara tantas liñas co seu insulto e desvario. Nunca houbo unha persoa que maltratara á institución desta maneira. Non sei cal será a reacción dos ourensás cando sexan chamados a votar de novo. Mais votar por impulsos e por cabreos lévanos a cometer moitos erros. Por iso que, moitas veces, doe escoitar nas conversas que todos son iguais e que todos teñen a culpa da situación actual. Todos non.
En fin, as debilidades da democracia son moitas. Por iso, cando a racionalidade queda supeditada ós impulsos máis primitivos, pasan estas cousas, e aparecen os pufos vestidos de caudillos e salvadores. Aprendamos do presente pra non errar outra vez máis.
Manuel H. Iglesias
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome / Rosa Veiga - Europa Press.
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting