Desta maneira o Parlamento de Galicia estase a convertir nunha xaula de grilos, cuestión que en nada beneficia ó pretíxio da institución. Ate agora, soamente Beiras tiña o atrevemento de contestar con verbas grosas que, non exentas de razón, a poucos lles gustaban pois, podíase dicir o mesmo sen entrar no exabrupto permanente e na espantada para dar a nota. Pero o estilo de cada quen e un signo de personalidade, e pódelle gustar a un sector minoritario da sociedade pero, á gran maioría danlle arrepios cando nunha institución se chega ó insulto e se fuxe da boa forma de comportarse verbalmente.
O acontecido recentemente no pleno parlamentario entre Feijoo e o voceiro do BNG non resulta ilustrativo nin positivo. Mais ben todo o contrario. Que o presidente lle chame tonto útil á política do BNG resulta insultante e mesmo despreciativo e molesto. Pero tamén chama a atención que o Sr. Jorquera lle entre ó trapo e arremeta contra o presidente con outro insulto, podendo quedar como un cabaleiro pedindo que se retirara esa ofensa, e punto. Comprendo o cabreo, pero a un insulto non se lle contesta con outro.
Lamentable espectáculo o que dá un goberno que se chulea da oposición; que a ningunea e se rí dela. Con iste panorama a política nesta terra está a tomar visos de traxicomedia barata, onde se fala de todo e se banaliza sobre os graves problemas que temos como sociedade. E cada día que pasa, o lugar da soberanía dos galegos, aseméllase máis a un patio de vecindade ou a un programa de televisión rosa onde se fala das intimidades e se insulta permanentemente. Entendo que a oposición está desesperada polas cacicadas, recortes sociais , privatizacións e amaños que se fan dende o poder; que está desnortada e non lle ve saída nin futuro ó país. Pero mentres ninguén ofreza unha alternativa crible e sería para gobernar esta terra, seguirán no poder os mesmos, aínda que estén sinalados por mil casos de dusosa legalidade. E Galicia seguirá camiñando sen esperanza e seguirá a ser gobernada polo grupo político que, á vista dos cidadáns, apareza como o máis unido, aínda que esté cheo de corruptelas e cacicadas.
Pero iste país é o que é, e conforme temos un goberno que xestiona unha televisión que soamente pon programas chabacanos e de festa permanente, adornada con merengues e meneos de cadeiras, para debuxar unha realidade distinta a real, no noso parlamento discútese e insúltase, fuxindo dunha maneira burda do acontecer diario.
Tristura , ó ver que unha institución onde está a representada a vontade dos cidadáns, aparece diante todos como un bar ou unha tasca onde impera o insulto, sin que presidenta o corte de raíz.
En fin, necesitamos que os insultados non lle entren ó trapo ós que insultan, e que urxentemente se adiquen, con ánimo serio, a crear unha alternativa programática de goberno para, democráticamente, apear do poder ós que destrúen esta terra.
Manuel H. Iglesias