E con voz segura, e sen ataduras partidarias que o coartaran, analizou os problemas que ten esta terra. Para afirmar que o nacionalismo, tal como el o entende, non é de esquerdas nin de dereitas, polo que animou ó inicio dun diálogo aberto que posibilite unha unión na acción na defensa dos intereses colectivos da nosa comunidade. Vinculou o nacionalismo coa proposta política que serve para unir os galegos na procura dun maior benestar social, desenvolvendo e potenciando a nosa autoestima para beneficiarnos do aproveitamento dos sectores estratéxicos, hoxe en crise, como a agricultura, a industria, a gandería e a pesca. Sectores que son a base fundamental da economía desta terra. E desta maneira, paso a paso con exemplos sinxelos e moi claros, sen nomear ningunha sigla, foi demostrando que a estratexia política que en diversos grupos impera de falar, exclusivamente, dun nacionalismo de esquerdas, ou de esquerdas e dereitas, ven a ser un tanto equívoca e errada. Pois os problemas importantes nesta terra, no radican nos conflitos entre patróns e obreiros, con ser estes importantes, pois os máis relevantes son aqueles que impiden que os nosos sectores básicos poidan desenvolverse, cuestión hoxe imposible polas restricións políticas que aplican o goberno central e a unión europea.
Tamén falou do que se entende por nacionalista e galeguista, e amosou un punto de vista contrario a entender que soamente son nacionalistas e galeguistas aqueles que falan galego. Mensaxe con carga de fondura, para aclarar que ninguén dá carnés de galeguismo e que a política levada ate hoxe neste eido ten que ser revisada.
Galicia vive nun momento crucial, pois cando se albisca unha reforma constitucional, aparece con suma debilidade política na defensa dos intereses colectivos tanto en Madrid como en Bruxelas. Por iso Quin, coa súa verba encendida, veu para dicirnos a todos que é a hora de abrir unha fonda reflexión, pois avecíñanse tempos de transición. E chamou a atención de que temos que ser capaces de superar enfrontamentos ideolóxicos, para darlle paso a un nacionalismo moderno, menos mimetizador doutros do Estado, e que fuxa da copia de correntes ideolóxicas foráneas, que puderon valer para un tempo, e hoxe percíbense fora de lugar.
Evidentemente que non é o momento de mirar ó pasado con ánimo crítico negativo, pero si para facer unha fonda reflexión que nos leve a buscar fórmulas que permitan que, o ideario galeguista, que foi a base do nacemento dun nacionalismo cívico, anime a acción política necesaria para iste pais.
Ourense, berce do galeguismo de Risco, Otero Pedrayo e outros, foi o lugar onde ó único lider capaz de unir vontades e forzas para defender os intereses desta terra, lanzou unha proposta de unidade acción. Pois, nos últimos anos estamos a asistir á perda de institucións e empresas emblemáticas, diante a pasividade dun goberno que ve a Galicia como unha mera descentralización administrativa ou, o que é pior, como unha gran deputación interprovincial, sin nada que ofertar para o futuro.
Rematou a mencionada conferencia co anuncio de que está disposto a colaborar no que humildemente poida para reflotar o galeguismo ou si o prefiren o nacionalismo galego.
Polo que se abre unha porta á esperanza, que posiblemente debera empezar despois das próximas municipais.
Manuel H. Iglesias