Un fiscal que sentía e exercía

Desempeñar un posto de responsabilidade implica exercer e tentar deixar marca. Ou sexa: facer cousas positivas en favor da comunidade á que se representa, que é tanto como dicir traballar a prol dos cidadáns, para que estes sintan o calor dunha institución que os ampara e serve para algo máis que ser un posto de representación, vamos un posto de ornamento.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 09/03/2015

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Carlos Varela, nado no Carballiño no 1956, deixou ó seu paso pola Fiscalía  Superior de Galicia marca  de bo facer, de sentir Galicia, e marcou estilo e sensibilidade social. Pois foi unha das persoas encheu de contido a institución que presidiu durante un prazo amplo de tempo.
Defendeu dende o Ministerio público  os dereitos dos cidadáns, tramitando queixas sobre a defensa do patrimonio público, dos colectivos marxinados; demandas sociais como a dos desfalcos das preferentes, etc. Impulsou con Anxo Quintana,  na  época do bipartito e cos colexios profesionais de Compostela a mediación nos litixios familiares, cuestión que logo  xeneralizouse en  toda Galicia. Impulsou, coa colaboración da Garda Civil, un minucioso estudo sobre as causas dos incendios forestais na nosa terra que desmontou teorías dos gobernantes actuais Xunta;  promocionou as demandas, inéditas no Estado, que perseguían a anulación por vicios os contratos para a adquisición das preferentes de banca, o que permitiu a restitución do diñeiro de moitos aforradores galegos.
 
Carlos Varela demostrou  que coas súas accións, o valor dunha institución como a Fiscalía Superior  de Galicia, institución que estando xerarquicamente baixo a do Estado, é moi útil e necesaria para esta terra, e fixo visible  que o seu valor é proporcional ós esforzos por preocuparse polos problemas dos cidadáns. Por iso,  esta institución é unha peza fundamental para o bo funcionamento da xustiza nesta nacionalidade histórica.
 
En fin, Este ourensán foi un gran promotor do  noso idioma e tratou, en todo momento, de normalizar o seu uso dentro da institución que presidiu. Home sinxelo que foxe do protocolo, ten no seu haber moitas distincións, pero hai unha que para min  ten  un significado especial, pois foi entregada e compartida coa xente do pobo; foi entregada nun acto sinxelo no medio das persoas do común, sen grandes formalismos nin actos rimbombantes. Estou a referirme ó  premio Freire Carril do ano 2013 en Seixalbo, co que a Asociación Cultural Agromadas quixo distinguilo,  rememorando o xuízo dos Foros que durou 20 anos (1839- 1859) no que os veciños desta antiga  Vila e Couto se enfrontaron ó bispo da cidade de Ourense e se liberaron do pago das rendas, cen anos antes que no resto de Galicia.
 
En fin, as institucións funcionan cando nos postos se sitúan a persoas competentes que  exercen o seu traballo con miras amplas e sen perder os obxectivos para o que foron creadas; persoas que sinten á terra  e que non ignoran as formas e modo de vida diferentes que teñen os seus habitantes; formas que deben ser respectadas e  comprendidas pola xustiza para que esta sexa aceptada e máis  eficaz. 
 
Esperemos que o novo fiscal Superior exerza o posto con tanta personalidade, eficacia e sentido de pais como o fixo o anterior. 

Manuel H. Iglesias



Manuel Herminio Iglesias

Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com