Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 16/04/2015
Rexistro civil
Descoñezo os argumentos, pois ninguén os puxo sobre a mesa, para tomar a decisión de privatizar un servizo público como o rexistro civil. Supoño que coma sempre serán xustificacións baixo pretextos económicos e melloras no mesmo. Pero o certo é que o goberno decide privatizar, ou como finamente lles gusta externalizar, un servizo que dende que naceu foi sempre responsabilidade do Estado. Polo que, de agora en adiante, haberá que pagar por un asentamento dun recen nacido, dunha partida de defunción ou tamén para obter o libro de familia, etc. O que sempre foi público e gratis pasará a ter un custe por cada trámite. Igual pasará cos casamentos que os farán os notarios e, segundo diversos medios, custarán arredor duns 400 euros por unión.
Baixada da luz
O ministro Soria volve anunciar que no próximo ano baixará a luz un 7,5%. Preparémonos, pois non baixará se non que subirá como leva acontecido ate agora. Pois, sempre que fala este señor, acontece o contrario. Polo que estes anuncios sempre son unha trola ou pura política preelectoral.
Pero o máis escandaloso do asunto é que quen debía esixirlle ás empresas do ramo de que atendan os clientes nas súas reclamacións, e defender os intereses consumidores no prezo da enerxía, mira para outro lado, e permite que, estas grandes corporacións, ignoren as protestas mesmos. Exemplos témolos na nosa cidade onde colas de veciños esperan para facer unha reclamación, ou pedir unha información e téñeno que facer na rúa durante horas por ser a oficina da eléctrica moi pequena. Todo un exemplo de modernidade no século XXI. Todo un exemplo de poñer trabas para que non se reclame.
Sanidade e urxencias
A conselleira do ramo anuncia a mellora do servizo de sanidade. Seica vai poñer en marcha non sei que asunto por telefono para alixeirar e mellorar a atención dos galegos. A primeira vista ate parece moi positivo. Logo vas a urxencias na Residencia de Ourense e o caos é impresionante. Corredores cheos de camas cos enfermos sen intimidade algunha ni cadeiras para os acompañantes; esperas despois de ser atendidos na primeira fase en habitáculos ateigados de xente durante máis de seis horas. Si consegues saír de urxencias e tes que ingresar, esperas que chegan a días na chamada Zona de Tránsito, lugar que parece un hospital de campaña, onde soamente hai un servizo para máis de 15 camas. Logo en planta volven as esperas de días para facer as probas e obter un diagnóstico. E todo pola redución de camas. E así todos os días. Onde o persoal achica os problemas como boamente pode, e a conselleira e a xerencia miran para outro lado como se non fose cousa da súa responsabilidade.
Con estes feitos, que son verídicos e coñecidos polos que nos gobernan, o presidente di que comunican mal e que a súa acción positiva non se valora correctamente. Vamos que os cidadáns somos parvos. Pero a realidade é moi distinta do que di oficialmente, e de nada valen fotos con mozas bailando felices en roupa lixeira na propaganda electoral. Por iso digo: os problemas non se solucionan con publicidade; arránxanse trocando de políticas e gobernando en aras da colectividade. Privatizar servizos públicos cando funcionan correctamente mais parece un pago de favores corporativos que outra cousa. Mirar para outro lado, para ir deteriorando a sanidade e logo ofertar como solución a chamada externalización que é unha privatización encuberta, un disparate. Deixar as grandes empresas da enerxía que fagan o que lles peta, un desleixo interesado.
En fin cando a realidade social e os problemas son graves, por moita publicidade e autobombo que se faga a percepción diante os gobernados non varía e menos mellora.
Manuel H. Iglesias
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting