“La arruga no es bella”:
Segundo parece a empresa que nacera nos baixos desta provincia daquela maneira, pretende deslocalizarse e fuxir en busca de mellores oportunidades económicas no mundo asiático. Todo un exemplo de ourensanía. Xa se sabe: o capital non ten patria cando a avaricia é inmensa. Claro que, mentres houbo subvencións das institucións públicas todo foi tirando na terra. Pero agora é moito máis tentador deseñar eiquí, fabricar fora, para despois vendelo onde se poida incluíndo a nosa cidade. E a pregunta é obligatoria: é este o modelo de empresario que necesitamos en Ourense? En fin, hoxe case podemos dicir con moita propiedade que: “la arruba no é bella dado que es oportunista y fea”.
Derrubar unha casa
Pouco sei do caso da casa que en Reza queren derrubar por orde da xustiza e que o alcalde saínte asinou con toda urxencia. Segundo parece, as consecuencias derívanse da caída do PXOM de Cabezas e outros asuntos que soan a vendeta e chantaxe. Quizais, o asunto tamén se deríva por ser un dos propietarios un dirixente veciñal hai anos; unha persoa que defendeu ó público e que tivo moito que ver co tema de facer unha nova depuradora de augas residuais para o noso concello. O caso é que a Rosa e a Miguel quérenlle derrubar unha casa que é froito do esforzo e do traballo de toda unha vida. Unha casa integrada perfectamente na paisaxe; unha casa feita con moito sacrificio e na que se gardan moitas vivencias familiares. Por iso pregunto: Cantos edificios tiñan orde de derrubo en Ourense cidade, e outros que tamén están sentenciados para seren demolidos, e cantos se derrubaron? Ningún. Non sei como rematará este asunto pero avecíñase un gran lio, pois somos moitos os que nos oporemos a tal desatino e cacidada.
Novo pintado na OU-105
A eficiencia dos técnicos deste organismo público, volveu a quedar de manifesto polo novo pintado da estrada OU-105 propiedade da COTOP no tramo que vai dende o Eroski ate Seixalbo. Pois amparándose non sei en que norma e ignorando as protestas dos veciños, eliminaron os pasos de peóns nese tramo co que os habitantes que van as súas casas, fincas ou a coller o autobús urbano teñen que cruzar a vía como poden, sendo ameazados pola Garda Civil de Tráfico con sancións por cruzar onde non se debe. Pero, o máis curioso do asunto, está na comparación con outras vías que tamén son propiedade da mesma consellería. Pois na zona do Polígono Industrial preto do Parque Tecnolóxico existen pasos de peóns onde hai catro carrís. Polo que o interés por solucionar o problemas dos veciños é tan escaso que os técnicos fan caso omiso a máis de 200 firmas que estes días se presentaron na delegación territorial de Ourense. Supoño que o xefe territorial deste tema nin se entera. Pois ou debe vivir nun despacho incomunicado cos seus mandados, ou nada lle interesan os problemas dos peóns pedindo seguridade ou si se quere, soamente o pintado de dous pasos de peóns a altura da empresa Alfer e o outro na zona do Tanatorio.
En fin, tres asuntos que requiren solucións. Pois derrubar unha casa e algo serio; que unha empresa se deslocalice un problema moi grave, sobre todo, para os traballadores que quedan na rúa tirados. E que unha delegación non entenda de que os peóns precisan seguridade non é unha cousa pequena. E un indicativo que nesta sociedade algo funciona moi mal.
Manuel H. Iglesias