O fallo do concurso eólico

A memoria colectiva é moi fráxil, e sabedores desta debilidade humana, como as novas diarias que nos atinxen son tantas, o esquecemento de moitas falcatruadas que os gobernantes nos fan, está asegurado dado que non ten castigo electoral. E como o que importa e chegar o poder, todo está xustificado nas campañas electorais.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 29/06/2015

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
No ano 2009 a campaña electoral dos populares, estando á cabeza o Sr. Feijoo, estivo baseada, entre outras cousas:  no inexistente conflito lingüístico; nas fotos do vicepresidente Quintana nunha embarcación; no valor dunhas cadeiras e na suposta ilegalidade do concurso eólico.
 
Pasados os anos a xustiza e, concretamente o Tribunal Supremo de Galicia,  falou claro e dixo que concurso eólico do bipartito era legal.  Pero os feitos son que aquil concurso foi derrubado para satisfacer non se sabe ben a quén. Agora tócanos a todos os galegos pagar os importantes  custes económicos da chapuza que fixo o goberno de Feijoo. Si, haberá que resarcir as esixencias económicas das empresas que foron arredadas e perxudicadas.
Pero esta nova pasou case desapercibida para a grande maioría dos galegos, e posiblemente non terá repercusión no tocante a un castigo electoral para os que cometeron a tropelía baseada na mentira contra o bipartito de Touriño e Quintana.
 
En fin, isto lévanos a pensar na cantidade de mentiras e maledicencias que se lanzan nas campañas electorais. Así topamos persoas que por buscar réditos electorais e teñen un medio de difusión lanzan ó vento acusacións graves que nunca son validadas ou demostradas. O importante é crear un ambiente de calumnias permanente. “En esta casa, (referíndose o concello,  decía unha televisión local), le están robando.” Mentira tras mentira, difamación tras difamación,  pois os que  dirixen  esta campañas son sabedores das debilidades  e do esquecemento dos electores. Son coñecedores da lentitude da xustiza, e da fraxilidade da mente humana. No 2009, Feijoo apoiado por determinado medio, ben untado economicamente, orquestou unha campaña chea de falsidades e medias verdades, e acadou o poder. Ise era o obxectivo, o demais un conto.  E agora quen se lembra da mentira do conflito lingüístico; quen se lembra do Yate, das cadeiras, e outras trolas que se verteron. Ninguén. Pero agora hai que pagar a escote os custes dunha mala, moi mala decisión que impediu diversificar e repartir entre moitas empresas galegas a produción de enerxía eólica. Por iso, canto temos que aprender como cidadáns, canto.

Manuel H. Iglesias



Manuel Herminio Iglesias

Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com