Pasarse de voltas

Son consciente de que o tema dos animais de compañía ten cousas positivas e tamén aspectos para a discrepancia polo que a controversia está asegurada. Mais despois de escoitar o meu compañeiro de andaina musical Antonio, sen ánimo de ferir a ninguén, penso que nalgúns aspectos hai xente que se está pasando de voltas.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 05/07/2024

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
O meu amigo  chegou  hai uns días á xuntanza semanal  un tanto abraiado,  pois viu como unha moza falando co seu cadelo lle atribuía, con moita naturalidade o pequeno animal,  unha serie de cualidades como si estivera dialogando cunha persoa. O meu amigo case espantado polo que escoitaba non paraba de rir e  dicía:  non sei onde imos chegar.  A moza en cuestión falaba co  can: “Te tengo dicho que, cuando venga unha persona por la acera, hay que dejarle paso... así que ya lo sabes, No te lo repito mas...” O meu compañeiro que tamén ten cans na súa finca e  que os coida,  non saía do seu abraio. E a verdade é que semella que nesta sociedade actual ademais de non distinguir entre o necesario e o superficial, ou se o prefiren  entre o razonabel e o esaxerado, comenzan a verse, non sei se chamarlle modas ou debilidades,  que xa se consideran polos que exercen o poder político, ou sexa os que nos gobernan, como algo que hai que atender de maneira  urxente. Claro, deixando ó marxe outras cuestións humanas que si son moi necesarias e precisan máis axuda.
 
A moda de ter un cadeliño  supera con moito o que antes era case unha obriga nas casas do rural. Pois en case todas elas  había un can da raza Palleiro que axudaba nalgunha das  labores como a de gardar o gando, dar sinal se alguén viña á vivenda e tamén facer compañía. Mais nos tempos que corren os cans  ben ornamentados e vestidos comenzan a ser máis ca un compañeiro, pois pasan a seren  un xoguete do  que presumimos  e ó que lle atribuímos cualidades  como as que fixeron rir e moito ó meu compañeiro. Logo  cando pasa un tempo e xa o animal non fai gracia e ademais  da traballo, en moitos casos   chega o  abandono. 
 
Visto que a día de hoxe hai moitos máis canciños  que  rapaces que nacen; que moitas mozas novas prefiren ter un can no canto dun descendente, e que   cada día hai máis defuncións que nacementos, o asunto merece unha fonda reflexión. Pois algunhas persoas con moita retranca, din  que haberá que ir pensando en meter  ós cans,  dalgunha  maneira nunha hipotética  seguridade social;  dado   que  son  moi  importantes para o lecer. E mira que o tema importa que ate  a Xunta  anunciou  hai un tempo  axudas de 150 euros  pra quen saque algún destes animais  das garderías onde están esperando por un amo.
 
Nesta nosa sociedade comezamos a ter a vista un tanto desviada. Comezamos  a perder o norte. Pois entendo que  ós animais hai que tratalos ben, máis, por moito que digan algúns que  os cans son o mellor amigo do home, non convén pasarse de voltas atribuíndolle cualidades que nos  son propias ós humanos. 
 
A outra cuestión é que, a día de hoxe, os organismos públicos andan a recortar axudas ás persoas maiores que viven en soedade,  como é o caso de Ourense onde se eliminou o Comedor sobre Rodas, ou na Xunta  onde os cartos pra dependencia sempre andan moi escasos, e pola contra incentívanse cuestións como a referida anteriormente. 
Que certos animais cumpren unha función social importante, penso nas persoas sen visión ou mesmo nas casa do rural, pois si. O demais non está mal, pero nalgúns aspectos que sinalei semella  que estamos perdendo o norte.
 
Corren tempos onde hai certo desatino nos obxectivos das administracións públicas. Corren tempos onde, por aquelo de quedar ben con colectivos, quedan ó pairo cuestións humanitarias urxentes.
 
E non se trata de terlle fobia ós cans e os animais en xeral. Non. Trátase de ter sentidiño. En fin, o meu compañeiro e amigo penso que ten moita razón, polo que, por moito cariño que lle teñamos ós animais, por moi fieis que nos sexan,   atribuírlle moitas  das cualidades que temos os humanos é pasarse de voltas. 

Manuel H. Iglesias



Cans nun autobús / Change.org

Manuel Herminio Iglesias

Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com