Hai un galego na lúa

Mentres esperamos a que escampe o tempo e o panorama político tamén, alguén pretende vendernos unha noticia como a mellor do ano. E faino como se fora a maior das gracias dadas a esta provincia pola teimuda reivindicación dos poderes ourensás. Claro, sen contar o que pagarán as arcas públicas, que non é pouco, para que veña o evento multicor a circular polas nosas estradiñas.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 24/01/2016

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
E claro, cando un reflexiona, sen moito esforzo,  décatase de que hai algúns galegos que pensan que o conxunto dos mortais vive, ou vivimos todos  na lúa. Que os problemas máis graves que temos están camiño de solventarse; que temos resolto o problema  do paro e a despoboación do rural e que á provincia coas novas fábricas que axiña virán espéralle un futuro esplendoroso. 
E todo isto tráeme a mente lembranzas do pasado. Citarei algunhas que foron noticia de moito rango. Cidade do deporte en Bemposta na ía incluído o traslado do campo de fútbol do Couto. Instalación dunha fabrica de coches eléctricos  no Parque Tecnolóxico e no poligono industrial  de  Melón; proxecto de lanzamento de Ourense cara o novo milenio, etc. Todas follas de prensa cheas de boas novas, que nunca chegaron. Promesas e máis  promesas  que traían espranza. Pero o certo é que,  día a día, camiñamos cara un deserto humano onde  a fuga de mozos  condeados á  emigración forzada, que é tanto como a buscarse a vida camiño doutros lares, lastra o noso  futuro.
 
Pois ben, se ahora resulta que a mellor  nova do ano en curso é  que durante unha semana teremos os hoteis cheos  de xente e sairemos na tele a nivel de Estado, pouca cousa podemos esperar do 2016. Co que, cada día que pasa, vexo con máis claridade que, como me dicía un arquitecto amigo: somos, referíndose á provincia  e a Galicia, un lugar que  soamente aspira a ter xente de servizos, cameriros e pouco máis. Somos, un lugar que ten unha clase gobernante sen aspiracións que se conforma con moi pouco; que non aspira a transformar e a potenciar esta terra; que renunciou  a darlle alternativas o mundo rural e ás vilas da provincia. Que non é capaz de presentar proxectos nin de buscar os consensos para plantexar a revitalización dun mundo rico tan amplo como esquecido.  Que vive segura e sabedora de que somos  unha terra chea de boas xentes que  camiñan pola vida  resignadas a ir esmorecendo. Cando, neste tempo de fonda  crise,   tiña que ser o momento de lanzar proxectos de futuro para ir rexenerando unha terra que cada día morre comida polas silvas e o ermo. Por iso digo que hai un galego ou moitos que viven na lúa.

Manuel H. Iglesias



Manuel Herminio Iglesias

Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com