Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 27/05/2016
Pois ben, agora que os datos económicos son tan bos, pero que debemos máis cartos que ca hai catro anos; agora que temos a caixa das pensións case valeira; que a nosa provincia camiña cara atrás en todos os índices económicos, e que o futuro pinta mouro, as declaracións dicindo o contrario sonan a mentira e a trola. E seguindo este fío, o noso alcalde referíndose ó PXOU deixou a moitos ourensás un tanto perplexos co que afirmou hai uns días. Pois o rexidor dixo, coa súa parsimonia, que espera que o plan de ordenación o voten os grupos da oposición, pois iste é o mesmo que deixou preparado a anterior corporación, e por iso conta cos votos, polo menos, dos socialistas. E diante tal información debo dicir que, como moitos ourensás, síntome estafado, enganado e mesmo abraiado.
Farei un pouco de historia: A día de hoxe estamos rexidos urbanísticamente polo plan Xeral de 1986. As razóns son sobradamente coñecidas. O plan redactado polo goberno de Manuel Cabezas foi tirado pola xustiza por, entre outras cousas, ter cambiado os planos expostos ó público no seu día.
Logo a corporación denostada do bipartito, diante tal desmadre, preparou e redactou o novo plan. Pero a oposición liderada polo Partiro Popular tendo á cabeza del o Sr. Rosendo denunciou mil cousas que segundo eles se facían mal e ate acusaron a concelleira de mil mentiras, e impediron que o plan estivera hoxe vixente. Todo para dar a murga e privar a cidade e o resto do concello dunha ferramenta tan necesaria para a dinamización da economía. E agora, despois do tempo perdido o alcalde actual, non sei, se nun alarde de sinceridade, reclama o apoio neste caso do PSOE e do resto da oposición recalcando que espera que voten a favor do documento pois está igual que o deixaron os socialistas.
Pois non entendo nada de nada. Pero digo: entón o que aconteceu é que a estratéxia partidista dos populares era frear a aprobación por pura comenencia partidaria. Si ou non. Pois parece que si.
Algo semellante o que ancontece na política local, tamén pasa a nivel de Estado. Todo o anterior estaba mal e había que reformar, vamos contrareformar, e agora despois de mil historias debemos máis, estamos co mesmo paro que hai catro anos, moitas conquistas sociais caeron, e sen visos de sair do burato.
Está claro que unha cousa é predicar e outra ben distinta e resolver problemas. Pero dito o dito, o malo é que todo vale con tal de desacreditar o adversario e de acadar votos. E para iso impóñense os intereses partidarios e estratexias sobre o interés xeral. E isto foi o que pasou na nosa cidade. Unha proba do que afirmo e o atraso na aprobación do mentado documento. E o mais curioso do asunto é que unha gran masa social non se entera ou non se quere enterar do tema e permite que os culpables do asunto sexan os que frenaron intencionadamente a súa aprobación. Cousas veredes.
Manuel H. Iglesias
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting