Unha parte non é o todo

Nestes tempos onde todo camiña moi de presa, onde os días, meses e anos voan, escóitanse frases que chaman moito a atención. A señora Ayuso, sempre moi faladeira, soltou con insistencia que Madrid é España.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 19/06/2025

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Cando España é algo moito máis amplo, diverso e complexo ca capital do reino. Con todo supoño que esa locuaz presidenta fala soamente para os seus capitalinos. Ou sexa: pra os madrileños.  Pois esa forma de expresarse tráeme á memoria cando  uns  señores  desa provincia,  nunha conversa me dixeron: “Vosotros los de provincias...” Ou sexa, todos os demais que vivíamos fora desa inventada  comunidade autónoma eran provincianos dado que moraban  lonxe  da capital do reino.  Nin que dicir que o asunto chamoume  moito á atención.

Pois ben, esquecéndome da señora Ayuso, pois as súas verbas pouco me importan,  vexo que o de provincianos en certa medida é o mesmo problema que acontece  nesta terra. Pois tanto na  Coruña como en  Vigo, aínda que non din o de provincianos,  andan na lea de quen ten a oferta universitaria con  máis  títulos nos seus campus.  E fano  esquecendo ó resto das provincias da  comunidade, pois pensan que eles son a totalidade de Galicia, aínda que soamente  son unha parte. E no caso de Vigo coas súas xustas reivindicacións de que o AVE lles chegue alí  dende a  capital do reino, non lles importa  que lle anulen frecuencias e paradas  dese tren a unha comarca moi ampla desta provincia do interior. 

O rural do que tanto se fala, do que se di  que hai que potencialo,  volve ser o que paga as consecuencias  pra que a cidade olívica estea  mellor servida e conectada coa  capital  madrileña. Que o alcalde vigués reclame mellores comunicacións por tren para Vigo paréceme ben. Mais que o faga a costa de recortarlle viaxes e servizos  a unha comarca moi ampla da Galicia interior paréceme un erro.  Pois, por moito que diga Sr. Caballero,  Vigo non é o centro do mundo nin a totalidade de Galicia. E as súas leas coa Coruña por ser a cidade  mais importante desta terra tampouco nos  gustan ren, dado que  todo eso demostra un certo provincialismo ó igual que o fai a presidenta madrileña coa súa idea de que Madrid es España.

Ben sei que neste Ourense os representantes políticos  tragan con todo o que lle boten enriba das costas. E  aínda que ás veces falan de ourensanía para quedar ben todo é un conto.  Tamén sei que  carecen de iniciativas  e posturas reivindicativas serias e,  neste caso,   queda moi claro, pois o principal concello da provincia que é o de Ourense no existe nin  para axudar neste  asunto. Veremos que fai cando nos recorten paradas dese tren. Ás veces a maioría dos anuncios que saen na prensa falando de que se vai potenciar o rural non deixan de ser verbas baleiras de contido, mellor fume. Anuncios sen sustancia  que  esquecen  que cada pouco  elimínanse servizos nesas zonas  da periferia.  Nin Madrid é España nin Vigo coas súas leas reivindicativas universitarias,  nin tampouco Coruña son a totalidade desta nosa terra. Esa maneira de falar é moi semellante á que tamén emprega moita xente da capital do reino, aínda que non deixen de ser uns provincianos que non ven máis alá da súa sombra.   

Manuel H. Iglesias



A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o rexedor de Vigo, Abel Caballero, tras a súa reunión. CONCELLO DE VIGO

Manuel Herminio Iglesias

Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com