Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 29/07/2016
Vexamos: os que ate agora eran os aglutinadores do nacionalismo, falan, aínda que sexa de boca pra fora, dun nacionalismo exclusivo de esquerdas. Eles, din ser a voz real do pobo e nada din das razóns pola que se rachou a unidade política de anos atrás. Din entender á xente da terra, pero seguen a seren exclusivistas e optan por camiñar cara o extremismo utópico, conformándose con encher a praza da Quintana sen propor nada que sexa medianamente engaiolante para a maioría social dos galegos. Ou sexa, tristemente, camiñan cara a marxinalidade política.
Pola outra banda, están os que optaron, lexitimamente, por meterse nese pacto coas forzas emerxentes do cabreo social. Pacto que os difumina dentro dun proxecto que veremos como remata. Pois o acordo coas forzas de dirección madrileña, pode sair ben, mais ten visos de ser moi complexo e mesmamente contraditorio. Ademais siguen a proclamar, de boca para fora tamén un nacionalismo exclusivo de esquerdas, aínda que como os anteriores son sabedores que non se debe confundir xustiza social, con políticas socializadoras de futuro sumamente incerto.
A istes síguenlle ós últimos escindidos que optaron por meterse dentro desa sopa de siglas e están á espera de que lle abran a porta da entrada pois, de momento, non lle puxeron unha alfombra de recibimento.
E por útimo quedan os que se definen como nacionalitas, galeguistas e socialdemócratas, que neste momento sumamente dificil optaron poir implantar un proxecto político destas características, e que pretenden camiñar a modiño para non perder as súas sinais de indentidade e centros de decisión. Iste é o panorama do nacionalismo galego onde todos en teoría tocan unha partitura que está na mesma clave, pero que por mor de persoalismos, de querer ser deputado a toda costa, de integrismos partidarios e de pensar máis que no pais real, no pais imaxinario, sona a música desafinada e disonante. E todo isto acontece a meses dunhas eleccións para ver que nos sigue a gobernar.
Percibo que no pais do minifundismo parcelario tamén ronda o minifundismo político. E se non fíxense: das diversas filas do nacionalismo saíron cantidade de candidatos para os demais partidos. Non sei si é que tiñan presa de seren algo na política, si porque o nacionalismo non tiña o que buscaban, ou calquera outra cousa que se me escapa. En fin, con iste panorama de división a pregunta está servida: Que pasa no nacionalismo que serve de fonte de sustento para dirixentes doutras formacións que se nutriron de persoas que militaron en importantes cagos nas súas filas? E sin ter aínda resposta deixo isto no aire; non será o problema que o nacionalismo aínda non pasou da adolescencia política? Pois sabe diasnosticar os problemas do pais, pero non sabe, ou ten medo, a gobernar e actuar achegándose ó que pide a maioría social desta terra.
Menters buscamos unha resposta, seguimos en clave de sol, pero desafinando.
Manuel H. Iglesias
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting