Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 07/09/2016
A chegada á area política de novas forzas e a división dos votos que ate o momento se repartían maiormente os que conformaban o bipartidismo, non foi entendida como un tempo novo pola dereita conservadora que, amparándose no “mantra” de que son os que acadaron máis votos e gañaron nas últimas eleccións, tratan de enlamar o terreo de xogo coa cantinela de que os deixen gobernar sen ter que mollarse nin tocar as reformas negativas para o corpo social que, co pretexto da crise, aprobaron nos últimos catro anos.
Se nas primeiras eleccións a soberbia e o infantilismo de Podemos froito da súa ambición de querer acadar utópicas metas, puxo pegas e impediu a chegada do sr. Sánchez a Moncloa e con elo a modificación dos puntos máis conflitivos da reforma laboral; parar a lei de Educación e forzar a rexeneración da dereita, as segundas eleccións puxeron as cousas moito peor e agora estamos onde estamos.
Con todo o acontecido, e despois das dúas votacións perdidas polo sr. Rajoy, as cousas toman unha nova dimensión e no taboleiro político entran en xogo factores novos. O primeiro é que Rajoy, aínda que pouco, empeza a cuestionarse. E si cae Mariano a remodelación na dereita sería imparable. A segunda e que Sánchez pídelle responsabilidade as forzas que optan por un cambio político alternativo ós populares. Pídelle flexibilidade para tentar buscar un acordo de mínimos que tería que contar cos cataláns e vascos cuestión sumamente difícil no caso dos primeiros, pois o asunto do referendo dificilmente pode ser parado coa promesa dunha modificación constitucional que recolla parte das reivindicación nacionais de Catalunya.
En fin, entre estas e outras cousas, están as eleccións galegas e vascas onde os populares poden saír tocados se non acadan a maioría absoluta no Horreo e non son precisos para gobernar en euskadi. Cuestión difícil a que teñen, pero que pode acontecer. Pois o candidato Feijoo en Galicia nada ten que ofertar despois de oito anos en San Caetano. A súa presidencia nestes oito anos pasou con máis pena que gloria nunha Xunta que camiña errada e sen resolver ningún problema dos importantes que ten a nosa terra, dado que os lumes seguen igual que antano; a emigración dos mozos é un feito por non teren traballo; a desertización humana do rural unha triste realidade e así moitas cousas máis.
Polo tanto estamos nun tempo morto. Estamos nun tempo de espera ate ver o que aconteza o 25, dado que podería axudar a desfacer o asunto da interinidade dun presidente que, aínda en funcións, segue a facer das súas. Segue facendo falcatruadas, pois ou non entende á sociedade ou quere facernos parvos a todos. Pois sigue dando un exemplo de pouco interese en rexenerar a vida política dun partido enlamado na corrupción. Segue tentado de nos convencer que a decisión de propoñer ó ex ministro Soria para un cargo importante no banco mundial, foi un concurso de funcionarios do que él nada sabía. En fin, todo indica que tenta non deixar no paro a ningún ex do seu goberno. Polo que, cada día que pasa a súa credibilidade e a dos seus amosa unha gran carencia de ética política. E así estamos señores: estamos en tempo morto ate o 25 do mes que andamos, e logo xa veremos que acontece.
Manuel H. Iglesias
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting