Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 15/09/2016
Pero, de todas as maneiras estamos en campaña e todo indica que temos memoria moi fráxil; que somos brandos á hora de castigar e que, no fondo, somos partícipes dunha comedia que prefire prometer felicidade e nunca sacrificios nin esixencias: que promete obviar o pasado recente e non pasar factura polo non solucionado.
Isto que afirmo e que leva acontecendo dende a chegada da democracia, lévame a unha reflexión que resumiría nunha frase popular: pan para hoxe e fame para mañá. Ou si o prefiren vivir o presente que o futuro enfrontarémolo como poidamos.
Pero esta forma de pensar, que día a día vai calando en partes moi importantes da nosa sociedade, está reforzada por certos medios audiovisuais públicos que o fomentan intencionadamente. Vivir a vida, xogar, divertirse, non pensar no futuro parece estar de moda. E para acadar tal obxectivo dende a pequena pantalla obvian intencionadamente os problemas graves e anacrónicos que ten esta sociedade. Así quitan a cámara á rúa e enchen as catro provincias de transmisións de festas, moitas con musica enlatada ou pregravada, onde se come a estoupar, e a golpe de cumbia e merengue e mozas movendo as cadeira, bailamos ate o cansazo ou mirámolas con cara de papanatas. Desta maneira esquecemos a situación grave do paro, da emigración forzosa dos nosos mozos, do despoboamento do rural, da caída demográfica, da precariedade do emprego, dos lumes que arrasan o país, etc. Claro, e como non pasamos factura e esquecemos todo o ouro e felicidade prometida na anterior campaña, repetimos nas urnas facendo bo o dito: mellor malo coñecido que bo por coñecer. Ou se o prefiren: todos che son iguais polo que non me movo.
Este podería ser o retrato dunha sociedade que vexo irreflexiva, case inmadura, que renunciou a gañar un futuro mellor para os seus descendentes.
Tristeiro futuro lle espera a nosa sociedade. Tristeiro e incerto porvir que pasa pola emigración da xeración de mozos e mozas mellor preparada: tristeira situación na que os seus dirixentes políticos do poder viven cómodos na poltrona e que so fan seguir os ditados que emanan de Xénova e outros lugares da metrópole para asistir ó desmantelamento dunha terra e especialmente unha provincia, que maiormente vive no ir tirando entre cumbias e meregues que actúan de calmantes para amainar a dor de enfermidades cónicas que son os problemas que temos como comunidade social.
E digo, é para iso temos un medio audiovisual público costeado cos cartos de todos? Un medio que prioriza unha programación lúdica e chocalleira para aparvarnos máis a todos. Non o entendo. Non teño nada contras as festas populares e tradicionais, pero neste país hai máis cousas que festas e música barata para encher a programación diaria.
En fin, estamos en campaña, e debemos quitarnos o velo e analizar o feito, o prometido e o incumprido, pensar e logo actuar: que na vida non todo son bailes, comerotas e cuestións de divertimento.
Manuel H. Iglesias
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting