Trobadores do noso tempo

A música e a poesía sempre tiveron un importante nexo de unión. Poderíase dicir que camiñan xuntas pois, dentro dos diversos estilos, sempre compartiron mensaxe e ritmo. Con todo, a partires de mediados dos sesenta do século pasado, xa no solpor da ditadura franquista, en todo o estado apareceron os chamados cantautores que poñían de moda a canción protesta; era este un movemento musical que xa existía noutros lugares do planeta e que afincábase en España aportando un novo estilo que rachaba coa canción folclórica existente.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 25/10/2016

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Os cantautores eran, xeralmente, persoas que coa súa guitarra lanzaban ó vento cantigas que tiñan un fondo contido social; cantigas que reivindicaban ós poetas proscritos pola ditadura e traían unha linguaxe nova e moi diferente á  que daquela imperaba. Eran os  trobadores  que anunciaban un tempo novo.   Xente que con moitas inquedanzas sociais e incluso políticas denunciaba e empregaba a música para dar a coñecer ideas e ansias de liberdade.
 
Pois ben, hai uns días galardoaron co nóbel de literatura a un trobador americano. Unha persoa que, como outros trobadores que tiñamos máis perto de nós,  soñaba cun mundo mellor e denunciaba  os males da sociedade onde vivía. Denunciaba a marxinación dos negros; a guerra do Vietnan, etc.  As súas cancións foron traducidas a moitos idiomas e algunhas daquelas  sinxelas melodías foron adaptadas, cambiándolle a letra, cousa moi discutible,  para seren  cantadas incluso nas igrexas. 
 
Mais a decisión de galardoar con este  premio, que sempre foi adicado á literatura,  a  un músico, veu amosar   á necesidade de  ampliar o eido desta distinción recoñecida en todo o mundo.  Con todo  tal  decisión da academia sueca lévame a reflexionar sobre a calidade dos textos e músicas que seica son a base para recoñecer a laboura do Sr. Dylan. Pois, ó meu modesto entender, no mundo e mesmo no noso Estado hai cantautores  con músicas e letras poéticas realmente fermosas que son  fondamente literarios  e poéticos, aínda que  menos coñecidos co mencionado americano supera a calidade do premiado. Con todo a distinción tamén recoñece ós trobadores que lle cantaron á vida e á xente; que escribiron lanzan  músicas e textos fermosos e cheos de sensibilidade  humana, de denuncia social e fondamente  artísticos e de gran calidade.   Citarei dous músicos  moi coñecidos: Serrat, e Aute.  Pero, como dicía Nebrija hai moitos anos: “La lengua y el imperio caminan juntos”  pode que exista certo recoñecemento baseado unicamente na  popularidade e na difusión da obra na lingua inglesa.
 
E este argumento lévame a unha conclusión:  se o premiado  non fora americano e non vendera millóns  de discos sería considerado e proposto para este recoñecido galardón? Posiblemente non.
 
Con todo, o feito de que se ensanche o campo dun premio e se inclúa o texto e a obra musical dentro dos seus obxectivos, paréceme positivo. A palabra expresada nos textos e  a poesía  unida á musica ten moita máis forza que cando camiña soa desligada da arte musical.
 

Manuel H. Iglesias



Manuel Herminio Iglesias

Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com