Preparando a negociación

Empezarei afirmando que non son arredista, pero si un firme defensor de recoñecer as diversas realidades políticas que conforman actualmente o Estado sen ambigüidades. Con todo, o pulso que mantén a día de hoxe a Generalitat co goberno polo tema do referendo en Catalunya, lévame a reflexionar sobor deste tema.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 18/09/2017

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

En primeiro lugar dicir que a esta situación chegouse por un cúmulo de erros de   quen goberna o estado e non os soubo ler, entender  nin solucionar.

A segunda cuestión é que, os problemas políticos cando os hai, e neste caso é así, deben ser resoltos de maneira negociada e non deixalos  que podrezan ou nos leven a enfrontamentos como o que acontece agora. E, dende logo,  menos seguindo a vía xudicial, pois a lei, cando miles de persoas non están dispostas a cumprila, non vele ren.

Neste senso o erro de arremeter contra o estatuto e o idioma catalán por parte dos populares e o goberno están na base do asunto. Pois, dende aquela medrou o independentismo. Polo que, pretender agora  arranxar un asunto pola vía da aplicación da lei é unha  mala solución dado que  un sector moi importante da poboación non está por aceptar tal saída.

A terceira cuestión ven dada pola forma de ver o que lle chaman os nacionalismos periféricos.   Pois  parte dun españolismo  entende España a súa maneira. Claro, sen decatarse que a diversidade, non é  unha concesión se  non  que exercela é  un dereito. Polo que,  esa  visión monolítica e mitificada da unidade política e cultural  española, unidade que critica  a existencia doutras culturas como algo, pouco menos que anticuado, desfasado, froito do resentimento e outros cualificativos pouco afortunados, a día de hoxe xa non é admisible.

E diante esta visión  hai que  desmitificar a idea das verdades absolutas e fixas, e percibir  que o catastro político non é  algo permanente e fixo para toda a vida nun país, continente ou zona do mundo, pois a división política tanto en Europa como no resto do mundo, non sempre foi igual nin  o será.

Polo tanto, cando se fala de a unidade indivisible dun país, tal afirmación non deixa de ser unha aseveración de parte ou interesada. Portugal foi anos atras parte de España é hoxe non é,  si ou non.

Dixen que son dos que penso que somos un Estado e que mellor estamos xuntos  que separados. Pero tamén digo que a uniformidade da única nación non me gusta pois priva duns dereitos herdados e culturais a outros lugares que tamén son Estado,   dado que  teñen unha  historia,  lingua,  formas de ver a vida e recursos naturais distintos ós que temos dereito a explotar por estar no seu territorio.

E iso parece que non se quere entender. E para argumentalo empréganse  tópicos,  incluso ferintes,  co único obxectivo de seguir mantendo o estatus actual.

España, mellor a península,  é un mosaico emanado dunha historia que fraguará mellor  dende o respecto ás identidades nacionais e os dereitos que iso conleva.

Por iso afirmo que os erros cometidos e o ninguneo a Catalunya traen como  consecuencia iste choque de trens do día un de outubro. E aínda que o referendo non teña valor xurídico,  valerá como punto de partida para unha futura negociación política que seguro modificará o marco constitucional  actual.

Non comparto as formas de aprobación das leis secesionistas, non.  Pero entendo que cando se despreza a un sector moi importante da poboación, os seus gobernantes  fagan manobras para que se escoiten as reivindicacións que están dende anos sobor da mesa.

En fin, espero que a cordura impere e que a negociación política se impoña, recoñecendo as  tres  indentidades nacionais que xunto a castelá conforman o Estado,  e que desa reforma constitucional,  que chegará,  a nosa terra non quede descolgada e esquecida como nacionalidade que de facto é.

Manuel H. Iglesias



Manuel Herminio Iglesias

Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com