Manterse no poder polo poder

Di a conselleira de Medio Rural que a culpabilidade dos lumes é soamente dos incendiarios. Pois claro, o que planta é o que comete o delito. Pero si soamente nos quedamos nesa frase, pódese dicir que seguimos errados e que non vemos máis lonxe da nosa sombra.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 08/11/2017

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Ou sexa, que conselleira  parece que está cega e algo xorda pois non ve nada máis que a man do incendiario. A  esta afirmación  habería que engadirlle o que dixo o portavoz do PP na  Deputación de Ourense no último pleno no que lle  chamou carroñeiros a xente que se manifestou contra os lumes recentemente en toda Galicia. Toda esta ristra de declaracións carentes de argumentos e dunha análise que pudera aportar máis luz sobre un tema tan complexo, lémbrame que hai un tempo, nun programa nunha televisión local, falando do rural e da súa desertización e abandono, un contertulio da Deputación (alto cargo pra mais sinais)  defendía que as cousas hai que deixalas ir pola súa dinámica e que si o rural esmorece é porque a xente non quere vivir nel. E así xustificaba a situación da desertización humana e desaparición do seitor primario.
 
Por iso, as declaracións tanto da conselleira  como as  do vicepresidente, a do voceiro da deputación  e tamén as do ilustre funcionario teñen un nexo común que as une, aínda que están separadas polo tempo: non hai previsto nin se espera ningún plan para atallar a crise do rural. 
 
Polo que seguiranse  apagando os lumes e esquecerse de todo o demais. Dito doutra maneira, ir capeando o asunto.  Claro, esquecendo  que os incendios son un síntoma dun sector,  o primario que é pasto das silvas e do mato; un sector que espera reformas lexislativas que abran novas formas pra facer rendible economicamente  o monte  e a posibilidade de que no rural se asente xente. Un sector que precisa e clama por medidas que vaian moito máis alá de contratar avións para apagar lumes ou de prantar piñeiros e pontenciar ós masivamente a invasion do eucalipto. 
 
Ben sei que, cando se empezaban a tomar medidas para atallar o problema, os populares afirmaban, panfleto en mán, que a xente lle ian a expropiar as terras e outra mentiras.
Pero agora, vendo o panorama, e comprobando que nada se move, pois a cantinela dos lumes cada ano volve con máis intensidade, 40.000 hectáreas queimadas recentemente,  fágome a seguinte pregunta: E non será que dende o cargo político máis pequeno ate  de máis responsabilidade, ou sexa dende o alcalde dun concello pasando pola Deputación  e tirando ate o presidente da Xunta, e logo  sumándolle os deputados e senadores das cortes, todos pertencentes á mesma formación política, insisto,  todos están no poder para desfrutar do mesmo sen outra pretensión que ir tirando?
 
Gobernar implica tomar determinacións e mollarse para mellorar a sociedade. Implica  enfrontarse ós  problemas sabedores incluso do custo electoral que pode ter unha importante reforma na propiedade e usufruto da terra. Sí ou non?
 
Pois ben, diante unha sociedade envellecida, temos unha clase política que  ten como único obxectivo  o de  manterse no poder para disfrutal del   eternamente. E mentres cada ano que pasa en Galicia arde polos catro costados. De pena.
 

Manuel H. Iglesias



Manuel Herminio Iglesias

Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com