Con pechar o galiñeiro chega

Na nosa sociedade acontecen feitos que día a día non deixan de sorprendernos. Feitos que amosan ás claras que os humanos somos uns seres depredadores e que maiormente actuamos por instintos primarios que nos dan certo pracer e amosan que temos poder.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 12/02/2018

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Hai uns anos lembro que celebrouse, pola comarca do carballiño, un concurso que tiña como obxectivo cazar raposos. Recordo que daquela houbo protestas, pero pasaron os anos e non se soupo nada máis desa absurda competición.  Mais, como a mente humana non para, de novo outra competición semellante nas terras de Forcarei volve a facernos reflexionar sobre iste macabro asunto. 
 
O Raposo, animal fermoso e listo onde os haxa, sempre gozou de certa simpatía entre as xentes. Pois actúa dominando un territorio e vivindo da caza doutras especies e tamén de dar o golpe ó menor descuido nos galiñeiros que tanto existen na nosa terra. 
 
Mais o raposo  é un animal astuto pero moi listo que hoxe está a sofrir, ao meu ver, dúas calamidades para a súa existencia como especie. A primeira ven dada pola grande superficie queimada  polos milleiros de incendios e a perda de espazo para cazar. Pois as queimas eliminaron e estragaron  especies das que se alimentaba este  animal. A segunda e a política da Xunta de Galicia incentivando campionatos de caza con fins seica educativos.  E isto que afirmo dedúcese que se permitan máis  campionatos destinen 13.000 euros para fomentar istes mal chamados concursos. Ou que se den 25.000 euros da Concellería de Medioambiente  para potenciar a vida do rural á Federación Galega de Caza, forma indirecta de potenciar estas polémicas e salvaxes citas.
 
A caza tivo e ten a súa xustificación cando a precisas para comer ou en casos concretos para facer batidas de poboacións que medran de maneira desmesurada. En Galicia isto acontece co Xabarín.  Pero fomentar campionatos baixo o nome de deportivos para cazar a un animal que non destroza, e sobor de todo,  do  que non hai datos contrastados  sobre o número que existe nos nosos montes, parece unha frivolidade. Igualmente acontece cando se fala de fomentar a vida no rural. Polo que a pregunta está servida: pero alguén cunha pouca de cabeciñá pensa  que con potenciar concursos de caza se vai incentivar  a vida no rural? 
A verdade é que non entendo nada do que acontece nesta nosa terra. Pensar que matar por pracer é un deporte, ou que  estas competicións  teñen un obxectivo  educativo, lévame  a conclusión de que non recoñezo a estas xentes que cazan e que  nos gobernan. Non sei se viñeron doutro planeta, pois resúltame dificil crer que saíron desta terra.
 
O Golpe, Raposo ou Zorro non merece ser obxecto destas cacerías, pois  se algúen lle entra no galiñeiro,  con pechalo ben, asunto está arranxado. O demais son lerías para xustificar a diversión de matar a un animal indefenso. Ou sexa: MATAR POLO PRACER DE MATAR.
 

Manuel H. Iglesias



Manuel Herminio Iglesias

Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com