Vivimos nun tempo cambiante con novas formas de relacionarse; formas que para moitos son un verdadeiro choque de trens. Novos conceptos aparecen na nosa vida facendo que as relacións sociais muden ate meternos na testa de que aquelo que hai pouco tempo era norma de vida agora non vale ren.
A vida actual camiña soamente en base ós resultados económicos e polo tanto o mercantilismo obríganos sempre a un consumismo acrítico. A parte humana e social perde espazo e todo vai cara unha deshumanización un tanto asfixiante. O importante é consumir, pois si así ao facemos, seremos máis felices, dinnos dende moitas medios e eslogáns publicitarios. Todo iste magma en evolución crea tensións sociais nun mundo global moi complexo que camiña cara grandes desigualdades.
Pois ben, todo iso refléxase na vida diaria. Refléxase na política e sobor de todo na linguaxe que empregan os representantes públicos. Verbas esaxeradas que buscan un titular sen mais. Ser portada dos medios por un día parece o obxectivo. E así aplícanse nomes e adxectivos como; hai moitas manadas referíndose a un grupo político; Vostede é un golpista; vostede é un fascista ou precisamos homes heterosexuais para seren cregos como dixo un representante da Conferencia Episcopal.
Todo unha desmesura na linguaxe que amosa que os representantes políticos e os públicos debian ser máis coidadosos á hora de poñer etiquetas ou facer iste tipo de declaracións. Falar desa maneira tan lixeira pode levarnos ó erro e sinalar a todos os pertencentes a un grupo político como fachas, ou golpistas. Tamén a aceptar, indirectamente, que ate de agora, todos os membros de tal o cal organización eran o que agora se quere correxir.
En fin, cando a esaxeración e a desmedida somente vale para buscar un titular e ventaxas electorais, estase a trasladar á sociedade parte da tensión que levan esas verbas. Ou sexa, falando en termos futboleiros, ándase a quentar o partido. E xa se sabe que, nunha sociedade na que as novas son case intantáneas, o asunto da lugar a falar sen ter a suficiente información e reflexión sobor de moitos temas. Polo que acontece, como nas cantigas, que co que sempre nos quedamos é co que máis se repite: o retrouso. E iso é moi negativo para o conxunto da sociedade.
Se o falar non ten cancelas, como di o dito, ter mesura cando se fala é unha virtude. E a día de hoxe, por mor de diversos intereses maiormente partidarios, hai moi pouco coidado co que se dí; sobor de todo cando sen argumentos nin razons previas, todo se resume nun adxectivo calificativo que interprétase coma un insulto. Por iso, coidado cos excesos verbais que soamente traen tensión social e tortas maneiras de pensar nunha sociedade que se crispa a pasos axigantados.
Manuel H. Iglesias