Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 28/07/2011
Vive un momento de horas baixas pois todos os índices sociais nos colocan na cola de Galiza. Temos , por apuntar algún dato, o índice proxección máis pequeno de toda esta comunidade. Ben sei que o futuro e a proxección non se miden neses barómetros que auditan a calidade de vida. Pero somos campións no número de parados; as institucións do Estado e tamén da Xunta esquéncense de nós á hora de axudarnos a gañar un futuro para, sobre todo, as novas xeracións. E, ademais, dentro do noso concello, polo esmero de gobernos anteriores, estamos soportando falcatruadas políticas, delitos diría eu, que coartan o desenvolvemento da cidade. Pensemos na caída do PXOM de 2003 e as súas consecuencias negativas. Manuel Cabezas deixounos una herdanza de chapuzas que agora todos pagaremos caras. O interese en favorecer a uns poucos con licencias chapuceiras, Xardín das Burgas, Edificio da Rúa Serantes, etc, e a cacicada máis grande nunca feita na cidade das burgas (cambiar os planos dun Plan de Urbanismo) levou a este alcalde enganar aos cidadáns. A mentira foi una forma de gobernar durante 12 anos. Pero sumado a todo dito, somos a provincia máis despoboada e avellentada deste noroeste peninsular. Iso si, gobernada, dende sempre, por un provincianismo localista e caciquil que, aínda que ten un gran respaldo social, lévanos de vitoria en vitoria cara un futuro moi incerto e negro. Os plans ambiciosos deseñados dende o Bipartito da Xunta , estou a falar do Val da Rabeda, foron tirados ao lixo, e dende que chegou Feijoo a Xunta todos foron recortes de investimentos para esta cidade. Iso si, de cando en vez, comisións de organismos tan amantes da palmada no lombo, camiñan a rendir pleitesía pedindo aquelo de: ¡Que hay de lo nuestro?
E con todo iso, somos tan chauvinistas que, dende as institucións, non lle plantamos cara seria a quen goberna en san Caetano e algunhas veces, confundindo todos os termos da ética, mesturamos o futuro dalgunhas institucións co comportamento de persoas concretas. Para iso andamos agudos. E para iso, saímos á rúa a pedir clemencia, esquecendo que teríamos que saír a pedir que o fiscal provincial actuara, por exemplo, no tema do PXOM. E, así nos luce o pelo; así de prañideiros camiñamos por esta vida dando a imaxe de que gobernamos institucións complacentes que todo o aceptan. Aceptan a marxinación da provincia, os recortes económicos; a fuga de proxectos para outras cidades, etc. Nembargantes estas institucións están a xustificar todas as formas de actuar de persoas, aínda que estean condenadas en firme saen na súa defensa como se nada pasara.
Ourense está tocado dunha rara enfermidade. Está tocado dun mal que vai ser difícil de curar. Pois algunhas institucións non son ecuánimes á hora de distinguir entre o grao e a palla; non son capaces de ver entre tanta espesura e mato distinto que hai no campo social. Os que naceron para reivindicar, préstanse a colaborar e convocan para que outros aparezan pedindo clemencia, que non é condenable que iso se faga, pero señores, coherencia: pidamos que as institucións de xustiza actúen tamén cando se cometen grandes prexuízos económicos para os cidadáns e as arcas públicas. Non miremos para o outro lado cando nos cae ben fulano ou mengano e, sobre todo, non sigamos polo camiño de saír á rúa por calquera cousa. Ourense non ten futuro, hai tempo que se descolgou del e carece de perspectiva como cidade e provincia. Ourense, polo que se ve, soamente ambiciona seguir existindo e parcheando o que é una norte lenta, moi lenta.
Ourense , Ourense provinciano, que tristerio futuro tes. Vives antepondo os intereses ideolóxicos, partidarios e particulares a favor dunha causa condenada, e fas desleixo dos grandes temas que deberían ser motivo dunha reivindicación colectiva; prefires ir pedindo esmola pola porta traseira das institucións, e saes á rúa cando debías estar a traballar polo teu futuro máis inmediato. Ourense, Ourense así non vas a ningures.
Manuel H. Iglesias
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting