Por Manuel H. Iglesias | Santiago | 04/08/2011
Estou a referirme ás declaracións do Sr. González Pons. Dixo este incendiario social que España estaba en bancarrota e que cando eles gobernaban nada se pagaba pola prima de risco. E fixo tal afirmación cando esa prima de risco anda preto dos catrocentos puntos, e en países que foron recatados andaba en 500 e pico. Polo que, estas declaracións, están aumentando a incertidume e desconfianza, e están axudando a que a nós, a España, tamén a teñan que intervir para ir configurando a esa Europa de dúas velocidades.
Da a sensación que no Partido Popular existen dúas caras externas, unha máis amable, esta é a de Rajoy que pretende cun discurso conciliador dicirnos que é un home de Estado e de centro reformista; e logo a cara dos incendiarios que como Pons, Cospedal e outros andan a facerlle o traballo sucio ao lider para que este chegue á Moncloa o máis inmaculado posible. Ou sexa, alisándolle o terreo para que camiñemos cara unha situación sumamente crítica, e logo vir eles de salvapatrias a arranxar o desaguisado que coas súa declaracións axudaron a facer. Está claro que os que máis falan de España son, por dicilo claramente, os menos patriotas; son, os mais interesados en chegar ao poder como sexa e, para tal cometido, vale todo.
Os incendios forestais arrasan Galiza, estragan a nosa paisaxe e vannos empobrecendo como pais. Pero, a política do silencio, impera e soamente coñecemos os incendios que acontecen no noso arredor, ao igual que as protestas dos que apagan o monte con risco para a súa vida. Con todo que iso é moi grave, hai outros incendiarios sociais que actúan de palmeiros dos especuladores e dos chamados mercados; actúan para meterlle o medo no corpo a moitos cidadáns con tal de inclinar o sentido do voto e axudar a que chegue ao poder o seu partido. Cada día que pada, percibo que a política da dereita carece de ética e actúa dunha maneira moi maquiavélica. Actúa dunha maneira ruín con tal de chegar á poltrona. E, o mais triste. é que eses gobernantes son os que seica nos veñen a salvar desta crise sistémica.
Manuel H. Iglesias
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting